Maiz rescata a figura de Amada García, fusilada en 1938 en Ferrol

SANTIAGO

ALVARO BALLESTEROS

O historiador presenta hoxe na librería Couceiro o seu libro sobre a represión franquista

16 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Crieime coa historia de Amadita, pero hai unha Amadita e unha Amada a partir de 1934», explica o historiador Bernardo Maiz, que hoxe presenta Amada García e os seus arredores (Embora Edicións), na librería Couceiro, a partir das 20 horas. Nel recolle o seu traballo de investigación sobre esta muller mugardesa que foi fusilada o 27 de xaneiro de 1938 no castelo de San Felipe de Ferrol, a onde chegara cun fillo de dous meses nos brazos.

Amada García, explica Maiz, quedou na mitoloxía comarcal de Ferrolterra. Comezou a súa investigación sobre ela fai anos, pero foi hai dous cando decidiu retomala e darlle forma a este libro, no que tamén detalla todo o panorama político e social da comarca neses anos. «Hai que poñela nun contexto, que creou ese posicionamento político cara a esquerda», afirma. Nese sentido, alude a que a Segunda República abriulle unhas perspectivas novas a esta mugardesa nada en 1908, filla dun pescador de baixura. É en 1934 cando asume a militancia comunista e no 35 empezou a medrar politicamente.

En 1936, Amada aparece xunto coa Pasionaria nun mitin no Teatro Jofre de Ferrol. De aí en adiante, participou en máis actos políticos e ía concorrer ás eleccións, que xa non chegaron a celebrarse. «Os que asistiron aos seus mitins contan que era como unha llama viva sobre o escenario, pese a que era moi baixiña, medía 1,50 metros», afirma. Dicían, explica, que foi fusilada por ter bordado unha bandeira comunista. «Pero iso era minimizala, non é verdade, ela non sabía bordar», asegura, lembrando tamén a frase que escoitou «E todo Mugardos foi un ai», describindo as sensacións do pobo tras oír a descarga que acabou coa súa vida pasadas as 6.30 horas.

O libro, que veu a luz o pasado 27 de xaneiro -coincidindo coa data na que Amada foi fusilada-, acaba de alcanzar a súa segunda edición. «Estou un pouco desbordado», explica Bernardo Maiz, que hoxe estará acompañado na presentación por Miguel Tovar, director de Edicións Embora, e pola catedrática Aurora Marco.