O veterano de Airiños pasa á retagarda

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Deixa os escenarios despois de seis décadas formando parte da mítica compañía

08 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En canto Airiños cumpra coas citas que ten pendentes de Hoxe non se paga, a obra que ten en cartel desde o verán pasado, o teatro perderá a un dos grandes. Xesús Santos decidiu non formar parte do elenco da nova montaxe da compañía de Asados, unha adaptación de Romeo e Xulieta. Cústalle falar do tema. Foron seis décadas loitando pola lingua, pola cultura, pola liberdade… integrando unha resistencia que non está disposto a abandonar. Asegura que sempre seguirá formando parte dunha agrupación que é o seu alento, pero que se sitúa na retagarda co fin de darlle paso a xente moza, con novas ideas que garantan o futuro do grupo.

«Quérolle demasiado ao teatro como para esperar a que o escenario renegara de min. Quero que Airiños chegue aos cen anos e para iso ten que renovarse. Aquilo que non se move, que permanece invariable, acaba morrendo». Con estas palabras sobran máis explicacións para entender os motivos que levaron a Xesús Santos a tomar a que foi unha das decisións máis difíciles da súa vida. El, que entrou a formar parte da agrupación por casualidade, cando recibiu a chamada do director, Ramón Pimentel, para ocupar o posto que deixara vacante un veciño de Asados que tivera que ir á mili; pero que sentiu unha especie de amor a primeira vista.

«Foi entrar en Airiños e descubrir un mundo novo, comprobar que o idioma que todos nós falabamos na aldea tamén estaba nos libros. Inicieime daquela na lectura de Manuel Antonio, Rosalía de Castro, Dieste… todo o que se salvara da queima da censura no centro galeguista de Asados», lembra con entusiasmo.

Daquela, todos e cada un dos esforzos eran imprescindibles: O grupo era moi necesario para seguir facendo país, constituía a resistencia cultural ao franquismo. Xesús Santos non dubidou en asumir a dirección da compañía cando a saúde lle impediu a Pimentel dedicarse ao cen por cento a esta labor. Xa por aquel entón, el buscou abrir novos camiños, que pasaron por elixir obras que espertaran as conciencias, primeiro, e por traducións e adaptación de coñecidos textos, despois. E considera que agora chegou o momento de afrontar outro cambio: «Dou un paso ao lado porque hai un gran elenco e unha boa dirección, un equipo valente para facer unha aposta de futuro».

Ademais, a Santos nunca lle gustou aferrarse aos postos nin aos cargos. Asegura, de feito, que o mellor papel que desempeñou en Airiños foi o de actor: «Débolle todo ao teatro e non son capaz de vivir sen o escenario nin sen Airiños. Seguirei vinculado á compañía porque hoxe, máis que nunca, facemos falla todos. Galicia está perdendo galegofalantes e non podo renunciar a formar parte da resistencia».

As mellores lembranzas

Como no peche de calquera ciclo, faise obrigado botar a vista atrás e facer balance. Son varias as obras que se lle veñen á cabeza a Xesús Santos: «Lembro Na casa do ciruxán, un texto que sabían de memoria tódolos veciños da parroquia de tantas veces que fora representada. Tamén foi moi especial para min O rei da cabaceira, unha montaxe na que participaban moitos actores». Non pode esquecerse, nesta relación de espectáculos estrela, de A fiestra valdeira e Os vellos non deben de namorarse.

Xesús Santos, que promete seguir dando a batalla, se non é enriba dos escenarios será debaixo, terá agora máis tempo para dedicarlle a outra das súas paixóns, a historia. Neste eido, ten varias frontes abertas. Xunto a Xesús Costa, está a preparar un libro sobre a memoria histórica nunha ducia de municipios. Con Xosé Comoxo, co que ven de editar unha ampla biografía de Arcos Moldes, tamén ten un plan entre mans: «Non quero adiantar nada, pero está relacionado co eido da memoria artística e musical».