«Os recortes deixaron o traballo dos maquilladores nun segundo plano»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Explica que a súa labor se limita practicamente a impartirlle un curso aos actores

10 abr 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Entre os profesionais que a pasada semana recolleron un dos máximos galardóns que concede o teatro galego, os María Casares, atopábase Trini F. Silva. Esta veciña de Cabo de Cruz erguía a prezada xerra polo traballo como maquilladora realizado en Voaxa e Carmín, unha obra escrita por outra barbancesa, Esther F. Carrodeguas, e inspirada nas Marías de Compostela. Era a terceira vez que a boirense tiña entre as súas mans un premio ao que aspiran todos os que están enriba e detrás do escenario en cada una das montaxes que se estrean en Galicia.

-Nesta ocasión tiña bastantes papeletas, pois estaba nomeada por dúas montaxes. ¿Que sentiu cando escoitou o seu nome?

-Unha ledicia criminal. Sentín moito cariño por parte de toda a xente que traballou comigo. Foi especial, xa que foi o único galardón que conseguiu Voaxa e Carmín, unha obra que penso era merecedora de máis xerras, pois é brutal.

-Das dúas obras polas que estaba nomeada, ¿tiña na de Esther Carrodeguas máis esperanzas?

-Si, sobre todo pola repercusión que tivo a montaxe. A outra, Os Rockenstein, é infantil e foi menos vista. Estaba convencida de que se acadaba o terceiro María Casares sería con Voaxa e Carmín.

-Dos tres galardóns que ten na súa vitrina persoal, ¿con cal se quedaría?

-Iso é como preguntarlle a unha nai a que fillo lle quere máis. Aínda así, se tivera que elixir quedaríame con C’est la vi, de Matrioska, porque somos un grupo de amigas que xurdiu do traballo. E teño unha espiña cravada con respecto a este galardón, xa que cando o recollín non llelo dediquei á compañía, que tivera sido o ideal.

-Comentaba antes que Voaxa e Carmín merecería máis premios, ¿tanto lle impactou?

-É unha obra que me tocou moito a fibra sensible, pola familia da que veño, polos ideais políticos… O texto é brutal e considero que a posta en escena e o vestiario o converten nun espectáculo con maiúsculas.

-¿Cal é o proceso que hai detrás dos personaxes que o público ve sobre as táboas?

-Os recortes deixaron o traballo dos maquilladores nun segundo plano e considero que debería ter máis relevancia. Agora, o que facemos é impartirlle aos actores un curso intensivo para que sexan eles os que se maquillen antes de cada función. Proporcionámoslle fichas técnicas con todo o que precisan e cos pasos a dar, completándoas con fotografías. Isto é algo que tamén repercute directamente nos actores, pois antes de entrar en escena deberían preocuparse só do texto ou relaxarse, e non poden.

-¿As saídas laborais neste eido diminuíron entón?

-No meu caso, o ano pasado foi bo en canto a número de obras; de feito, tiven catro candidaturas aos María Casares. O que ocorre é que é un traballo diferente, moi rápido, porque xa non participas nas xiras da compañía. Se se lle dera máis importancia á figura dos maquilladores, o teatro gañaría moito.

-¿Que é o máis complicado á hora de transformar a un actor?

-Agora mesmo, todo, pois falta orzamento para materiais e non é doado atopar actores que teñan a destreza suficiente para maquillarse de xeito correcto. Pola nosa banda, case temos que investir máis tempo en formar aos intérpretes que en documentarnos sobre os personaxes, que debería ser o máis importante.

-¿Que proxectos ten enriba da mesa para este ano?

-Agora mesmo estou poñendo en marcha o meu propio negocio en Cabo de Cruz, un pequeno estudo para dedicarme á xente da rúa. Fago tamén perruquería, coa colaboración da miña irmá, que está á fronte de La Pelu.

-¿Significa iso que o teatro pasará a un segundo plano?

-Penso que coa forma de traballar que hai hoxe en día no teatro podo compaxinar os dous eidos e iso é o que quero.

-¿Pode haber entón cuarto María Casares?

-Cando me poño a traballar nunha obra non penso nos María Casares, aínda que cando chega o galardón é coma un subidón de adrenalina. Neste caso, a ledicia durou pouco, pois o tráxico falecemento de Mateo González provocou que me viñera abaixo. Pero hai que repoñerse e seguir.