Patrocinado por:

A nova xunta de Goberno do CPEIG comprométese a fomentar a maior participación das persoas colexiadas

La Voz REDACCIÓN

OCIO@

Fernando Suárez Lorenzo resultou reelixido este sábado como presidente do organismo

28 nov 2015 . Actualizado a las 18:31 h.

A única candidatura presentada para a renovación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) resultou elixida por aclamación este sábado en Santiago de Compostela. A composición da Xunta de Goberno queda do seguinte xeito: como presidente, Fernando Suárez Lorenzo; Juan Otero Pombo, vicepresidente; Juan José González Cid, secretario; Roberto Vieito Raña, vicesecretario; Francisco Javier Rodríguez Martínez, tesoureiro; Lorena Otero Cerdeira, vicetesoureira; Francisco Javier García Tobío, vogal 1; María Pilar Vila Avendaño, vogal 2; José Manuel Vázquez Naya, vogal 3; e Iván Luis Vázquez, vogal 4.

O novo equipo comprométese a continuar coas iniciativas de carácter social do colexio, como a formación e a concienciación a menores e colectivos desfavorecidos, así como a seguir na liña de achegamento e colaboración coas administracións. Do mesmo xeito, fomentará a participación das persoas colexiadas nas comisións a prol dunha maior contribución ao devir do CPEIG e realizará un achegamento do colexio ás cámaras de comercio e intensificará a oferta de formación.

O CPEIG continuará cos labores a prol do recoñecemento da profesión, que pasa pola súa regulación, situándoa ao nivel do resto de enxeñarías. Con ese obxectivo, potenciarase a implicación nos órganos de decisión nacional como é a participación na Xunta de Goberno do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática de España (CCII nas súas siglas en castelán), así como a potenciación da colexiación.

Maiores de 40

A campaña de colexiación incidirá nos enxeñeiros maiores de 40 anos de idade. Este colectivo adoita estar a traballar en postos de responsabilidade, con familia e pouco tempo libre. O compromiso dos responsables do CPEIG é ofrecerlles servizos e conferencias de fin de semana, tanto como relatores coma no papel de público. Así mesmo, a Xunta de Goberno aposta por poñer en valor o talento que traballa fóra de Galicia e intensificar a colexiación dese colectivo.

Outro dos compromisos adquiridos é o da realización de varios traballos de interese para debuxar un retrato preciso da situación actual da profesión. Deste xeito, destacan: a análise da situación laboral dos colexiados; un estudo dos itinerarios profesionais e un terceiro traballo sobre as expectativas dos estudantes.

Sobre o presidente

Fernando Suárez Lorenzo (Ferrol, 1973) é enxeñeiro en Informática pola UDC. Na actualidade, é responsable de Innovación no Concello de Santiago de Compostela. Primeiro presidente do CPEIG, tamén é vicepresidente primeiro do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática de España. É director do Curso Superior de Administración Electrónica da EGAP e profesor do Master Universitario de Sociedade da Información e do Coñecemento da USC. Así mesmo, é membro das comisións redactoras dos estudos de Enxeñaría en Informática nas tres universidades galegas.

Sobre o colexio

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados e colexiadas. En cada unha das súas actuacións ou demandas, o CPEIG ten a vontade de lograr que o exercicio da profesión teña unha repercusión directa e positiva na sociedade na que se integra.

Constituíuse no mes de decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional, con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con 350  persoas colexiadas.