Patrocinado por:

Os enxeñeiros informáticos convocan o premio fin de carreira cunha dotación económica de mil euros

La Voz

OCIO@

Os tres finalistas, seleccionados por unha comisión experta, beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta

06 mar 2017 . Actualizado a las 17:44 h.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig) convoca a oitava edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, dotado con mil euros. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática.

Tal e como se recolle nas bases, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros que presentasen nunha universidade galega nos anos 2015, 2016 e 2017 o proxecto fin de carreira de Enxeñaría en Informática, traballo fin de máster de Enxeñaría Informática ou calquera outra titulación que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión.

Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal www.cpeig.gal.

Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e o gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de mil euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador.

 Noite da Enxeñaría en Informática

A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos Premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará o día 16 de xuño, en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.