A Fundación Premios da Crítica celebrou o seu 30 aniversario en Mondariz-Balneario

La Voz LA VOZ | VIGO

TELEVISIÓN

07 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? Fundación Premios da Crítica de Galicia celebrou o seu 30 aniversario nunha gala desenvolvida en Mondariz-Balneario, na que se entregaron os galardóns correspondentes a este ano. O neuropsiquiatra Ramón Cacabelos foi a persoa escollida este ano para recibir o título de galego egrexio. Antón Reixa realizou o seu particular perfil biográfico do científico, do que dixo que sería un erro identificalo cun «sabio illado tras as probetas ou o microscopio. Ramón é, fundamentalmente, un médico que te explora co seu fonendo e che dá golpiños nas extremidades, que te mira aos ollos e fálache ao corazón para arranxarche a cabeza». Ramón Cacabelos é o director do Centro de Investigación Biomédica EuroEspes (CIBE). En canto aos premios desta edición, no apartado de música, o galardón foi para o programa Alalá, da Televisión de Galicia; en ensaio e pensamento, foi premiado o libro A violencia excedente , de Francisco Sampedro, editado por Laiovento; en ciencias e artes da representación, o premio foi parar á Fundación Eugenio Granell; o de investigación foi para o libro de Ricardo Gurriarán Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940) ; en iniciativas culturais, acordouse conceder o galardón á Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz; e na creación literaria, foi premiada a novela Os libros arden mal , de Manuel Rivas. Xesús Ferro, condutor do acto de entrega dos premios, subliñou a singularidade do ano 1978. «Foi o único ano que tivo tres papas, o do nacemento da Constitución, a preautonomía de Galicia e o do a invención dos Premios da Crítica», sinalou. Os premiados foron elixidos hai unha semana por un xurado formado por persoas vinculadas a cada unha das especialidades que reciben galardóns. O premio é unha figura de Sargadelos, feita especificamente para esta fundación.