Héctor Carballo: «Participar en 'Isabel' foi unha experiencia coa que non contaba»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

TELEVISIÓN

MIGUEL VILLAR

O ourensán foi o rei francés Carlos VIII na serie, que remata o vindeiro luns

27 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Héctor Carballo (Ourense, 1985) aproveita os ocos libres que lle quedan na ocupada axenda para escapar á súa cidade. Outono e o magosto foron a escusa para que o actor que interpretou a Carlos VIII, rey de Francia e Nápoles, na serie Isabel se achegase a Ourense. No seu barrio de Mariñamansa enredouse co teatro da man do grupo xuvenil creado polo crego Luis Rodríguez -na parroquia de San Pío X- e cando se formou con Loly Buján, na Casa da Xuventude, decidiu que o seu era a escena. Con 18 anos marchou á University of Kent at Canterbury, de Madrid, e xa empezou a compaxinar estudos e traballo no segundo ano.

-¿Como xurdiu a oportunidade de participar en «Isabel»?

-Da forma máis sinxela e inesperada: de mandarlle un correo ao director de cásting. Eu sei venderme moi mal, daquela non tiña representante, e un compañeiro díxome que ían empezar coa selección para a terceira tempada de Isabel. Como traballara con xente que estivera na primeira e a segunda tempada animeime e mandeille un correo a Juan León, o responsable da selección. Aos vinte minutos chamoume e díxome que fora aos tres días a facer a proba.

-¿Tiña algunha experiencia en series de televisión?

-Ningunha. Participar en Isabel foi una experiencia coa que non contaba. Cando remitín o correo estaba certo que non ía ser nada.

-¿Conta con algún proxecto en carteira para a televisión?

-Isabel non ten continuidade (o último capítulo emítese o luns), a protagonista morre e xa non dá máis de si a cousa, pero a produtora vai facer un proxecto no que Carlos V, o seu neto, é o protagonista. Obviamente aí non teño nada que facer, estamos todos mortos os desta serie, pero creo o meu traballo gustou e teño esperanzas de participar noutras series no futuro.

-¿Por qué cre que está a gustar a ficción de tipo histórico?

-Non o sei pero é certo que a resposta está sendo magnífica. E ninguén é consciente dos esforzos que supón: os presupostos son moi axustados e fanse milagres con catro pedras e un pau.

-¿A carreira teatral como vai?

-Agora estamos representando Otelo, con Noviembre Teatro, por toda España e nos próximos días comezamos con El mercader de Venecia, coa mesma compañía escénica.