«Serramoura» verase tamén na canle VM Latino de EE. UU.

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Seis series de TVG foron contratadas en mercados internacionais, entre elas «Terra de Miranda» e «Os Bolechas»

22 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Seis series promovidas por Televisión de Galicia entre o sector audiovisual galego foron contratadas no mercado internacional nos dous últimos anos. O medio público está a apoiar a distribución internacional dos seus produtos audiovisuais, o último deles a serie Serramoura, de Voz Audiovisual, que chega este mes a Rusia nas 43 plataformas dixitais de televisión de Sony SciFi e acaba de ser vendida tamén ao Canal VM Latino de Estados Unidos

Segundo a información facilitada pola Corporación Radio e Televisión de Galicia, outra serie de Voz Audiovisual, Terra de Miranda, foi comercializada en Polonia e emitida polas 16 estacións de TVP Regionalna

Destaca a CRTVG que a súa colaboración coa RTP lusa posibilitou así mesmo a coprodución dunha nova serie de corte histórico, Vidago Palace, que empezou a gravarse este mes no balneario de Vidago (Portugal). A canle pública galega leva desenvolvidos xa varios programas en directo en colaboración coa RTP, que permitiron emitir desde Galicia o mesmo espazo para os dous territorios. 

Tamén a popular serie de animación da TVG Os Bolechas emítese desde o 1 de xaneiro do 2015 na RTP baixo o título Os Bochechas, pois así son coñecidos no país veciño os irmáns creados por Pepe Carreiro. Isto supuxo, ademais, a introdución dos Bolechas no continente africano, pois a canle pública difunde a serie tamén a través de RTP África. 

Outra serie de Televisión de Galicia, O Faro, foi vendida no 2015 ao grupo de comunicación iraniano Gem TV para ofrecerse pola canle Rubix TV en países como Irán e Iraq. Ademais, esta mesma serie foi vendida á distribuidora Tanweer Universe para a súa emisión en Grecia. A estas vendas internacionais hai que engadir nos últimos dous anos a da produción de Televisión de Galicia Hospital Real.