«Galaxia tería desaparecido se non fora pola actualización feita por Casares»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Óscar Vázquez

No ano 1985, o escritor ourensán deixou o seu escano no Parlamento Galego para asumir a dirección xeral da editorial fundada polo galeguismo histórico

16 jun 2017 . Actualizado a las 13:02 h.

«Estou convencido de que sen ese proceso de actualización e profesionalización que levou a cabo Casares, Galaxia tería desaparecido, ou só podería manterse con respiración asistida como un símbolo da resistencia, pero en absoluto sería unha editorial viva», di Damián Villalaín acerca do labor feito dende 1985 por Carlos Casares á fronte de Editorial Galaxia.

O que fora adxunto á dirección da editorial galeguista a comezos dos anos noventa afirma que Carlos Casares identificábase plenamente co que supuxera Galaxia, a resistencia cultural galega durante o franquismo. Pero os novos tempos supuxeron un cambio substancial en todos os eidos da vida galega. O propio Casares axudou a conformar esa nova realidade. «El foi deputado no primeiro Parlamento Galego como independente nas listas do PSOE», sitúa Villalaín os inicios da etapa política do autor de Vento ferido. «Un grupo de galeguistas do entorno de Ramón Piñeiro fixera un pacto para ir nas listas do PSdeG ante as nulas posibilidades que tiñan de incidir dende forzas propias de Galicia na configuración da autonomía; e foi bo porque houbo leis difíciles de consensuar e eles lográrono, como foi o caso da normalización lingüística, que é del e de Camilo Nogueira», engade.

Ramón Piñeiro, que xa animara a Casares a participar no nacemento da autonomía, encomendoulle as necesarias transformacións da editorial do galeguismo para poder competir no mercado coas novas editoriais. «Casares procedeu a unha profesionalización moi grande, creou departamentos como os de edición, produción, administración ou tamén o comercial. Incrementou moito o número de traballadores. Cambiou os deseños, que xa se quedan un pouco vellos. Non fixo un lavado de cara, Casares afrontou un replantexamento total de Galaxia, que permitiu a chegada de autores novos, a apertura de coleccións novas, empregar novos deseños ou asumir persoalmente a edición da revista Grial», resume Damian Villalaín.

O profesor da Escola de Arte Dramática de Galicia engade a esta parte material dos cambios impulsados por Casares, o seu famoso talante. «Casares naturalizou a pluralidade que empezaba a amosar o galeguismo. El non era nada dogmático nin sectario porque non era nada exclusivista; gozaba coa diversidade», afirma.

Damián Villalaín explica que nestes primeiros anos á fronte de Galaxia, Carlos Casares viviu unha especie de travesía do deserto porque non foi moi ben entendido o seu posicionamento ideolóxico. «Naqueles anos, o entramado cultural e político galego era moi marcado, e el só se consideraba galeguista e socialdemócrata, iso convertíao nun raro», engade.

Volta a La Voz de Galicia

Esta situación rematou cando volveu a escribir artigos en La Voz de Galicia. Casares neses momentos convértese «nunha especie de celebrity» ao pasar de ser un escritor coñecido a ser un home popular. «Con el produciuse unha cousa absolutamente milagrosa na historia da prensa en Galicia; que unha columna escrita en galego que non falaba nin de política nin se metía con ninguén, que falaba dun gato ou dunha señora que lle dixo non sei que, se convertese na sección máis lida no periódico máis lido de Galicia, iso foi asombroso», di Damián Villalaín.

Sobre o papel de Carlos Casares como editor, o seu adxunto resume: «El lía todos os libros que editaba; viña da tradición dos antigos editores, consideraba que os resultados económicos non eran un fin en si mesmo, senón un medio paran seguir facendo libros que se sabía que ían dar perdas pero que polo seu valor cultural merecían ser publicados».

Carlos Casares permaneceu á fronte de Galaxia dende 1985 ata súa morte, no 2002, o que non lle impediu botarse ao lombo outros traballos e dedicacións. «El nunca deixou de traballar no instituto mentres estivo en Galaxia, nin sequera cando acolleu a presidencia do Consello da Cultura Galega», apunta Villalaín. «Eu entrei na editorial como adxunto á dirección para botarlle unha man en todo o relacionado cos textos e a relación cos autores. Falabamos moito para publicar algo», conclúe. Casares morreu o mesmo día que o galeguismo homenaxeaba a Francisco del Riego.