Bruno Arias: «Galicia non é unha terra conservadora. Máis ben ao revés, somos vangardistas»

Carlos Punzón
Carlos Punzón VIGO / LA VOZ

VIGO

Ángel Sousa

Tras rodar sobre a súa tía Xela Arias, indaga agora na memoria colectiva galega

19 dic 2023 . Actualizado a las 00:57 h.

As raíces familiares marcan, definen e explican unha parte notable do que cada un é. Buscalas adoita ser un sinal de madurez, de estar preparado para valorar, para ben ou para mal, o ADN herdado. Bruno Arias (Vigo, 1998) transmite a temperanza de espírito que acada quen, tras escudriñar e entender o seu pasado, mira cara o futuro para crear o seu propio legado. Os espazos en branco é a primeira pedra dunha carreira como director de cine na que quixo comezar por dita exploración das raíces, por «como inflúe a familia na vida propia».

A súa tía, a poetisa Xela Arias, centro da cinta estreada hai dous anos, marcouno aínda que só chegaran a compartir cinco anos das súas vidas. A súa obra, a súa esencia, como tamén a pegada do seu avó Valentín Arias, tradutor e escritor, non deixaron de acompañarlle no seu crecemento. Cóntanlle que de pequeno gustaba de relacionarse con quen pasara ao seu carón na rúa, interactuar. «Ségueme a definir falar con moita xente diferente e é o que dirixe a miña mirada na película tamén. Non deixa de ser unha radiografía da xente que teño o meu redor en base a unha figura concreta que é a da miña tía Xela», di Bruno Arias.

Foi a súa unha infancia cun son de fondo continuo de referencias a libros, música, películas... «É un privilexio e unha sorte que tiven na miña familia e que seguro dirixiu bastante o meu interese cara a diversas iniciativas artísticas e culturais, e con toda a liberdade, ademais», segue a describirse Arias, que lembra tamén como abono para esa inquietude os discursos e intervencións de tantos creadores escoitados sobre os dous referentes literarios da familia. Como cineasta pretendeu na primeira película falar deles, pero non só por deixar constancia do seu legado, senón polo exercicio que a calquera pode interesar de como se reconstrúe o pasado próximo dende unha mirada íntima.

Á creatividade audiovisual chegou por diversión, gravando co portátil, parando, arrancando, editando despois os vídeos. «Non era consciente de que me gustaba tanto o cine ata que escoitei falar en serio desta arte na carreira. Ata entón só era unha parte do meu lecer».

Con modestia recalcada á hora de facer valoracións teóricas da industria da que forma parte, Bruno Arias está persuadido de que o cine galego ten selo propio. «Aínda que non son un teórico, o cine de aquí ten un ecosistema concreto, tanto por psicoloxía colectiva como por como é a nosa terra, a nosa personalidade e o imaxinario cultural galego, que é diferente ao resto», valora. «Non hai un cine único en Galicia, non hai un mesmo xeito de pensar as películas, pero por só por estar feitas aquí levan de seu unha marca propia», continúa reflexionando e advertindo que unhas obras adoptan a imaxe construída colectivamente desta terra e outras a impugnan de raíz, pero todas acaban por abordala dalgún xeito. «Non pode ser doutra forma ao falar do lugar no que vivimos e de como se ve o mundo desde aquí. A nosa realidade fíltrase nas cousas que facemos». Con todo, Bruno Arias sitúa a marca de pertenza territorial sobre todo no plano da inconsciencia á hora de facer cine e fixa a intención máis na cuestión xeracional, nas preocupacións de cada momento. «Na miña xeración temos unha fixación en remover no noso entorno persoal, nas nosas familias e atráenos o cinema de arquivo», di para concluír que é un xeito de concreto de apelar ao emocional, «de deixar entrar ao subxectivo nas películas que facemos. É unha forma de conectar co espectador».

Describe ao cine como un dos xeitos máis acaídos de convocar distintas disciplinas artísticas, e esa posibilidade entende que se está a aproveitar nun momento de explosión do cinema galego que pretende contar cousas en momentos difíciles como o actual de pandemia, guerras, novas dificultades económicas, pero tamén destaca a alta creatividade da música do país «da man de xente que está a facer cousas súper atrevidas e que o están a petar».

«Galicia non é unha terra conservadora, a política é unha mostra determinada da nosa sociedade, pero é máis ben ao revés, penso que vivimos nun lugar moi vangardista, o que se está a deixar ver bastante no plano artístico», disocia o cineasta vigués. Para el, avánzase mediante a exploración de novos xeitos de contar o que se vive, onde se vive e as preocupacións que saen ao paso, por exemplo a súa xeración. «O galego serve para falar absolutamente de calquera cousa, non só de Galicia, non só ten que empregarse en política ou na administración», reivindica dando a volta a un discurso que hai anos era ao contrario e que clamaba por introducir o uso do galego na vida pública e oficial.

Bruno Arias explora na actualidade a historia do común de Galicia, a memoria do territorio e as familias, e faino integrado no Colectivo Memoria e Cinema, con outros realizadores mozos que investigan no pasado da xente da súa terra mentres coma el, prepáranse para cando chegue a oportunidade da seguinte película e as ideas aparecen e marchan á espera de que agrome a de verdade.

Álbum familiar

EN DETALLE

-Primeiro traballo.

-Formalmente remunerado foi na comunicación da Fundación Uxío Novoneyra, no Courel.

-Causa á que se entregaría.

-Se hai unha causa xusta é a da humanidade en xeral, e dentro desa caben tantas: o non á guerra, a defensa duns alugueiros dignos... Calquera que dignifique as condicións de vida da humanidade.