As Tanxugueiras encabezan a listaxe do máis destacado polo sector cultural no 2023

L. R. REDACCIÓN / LA VOZ

VIGO

Tanxugueiras, en el conciero de fin de gira en el que presentaron su tema «Hoxe, mañá e sempre»
Tanxugueiras, en el conciero de fin de gira en el que presentaron su tema «Hoxe, mañá e sempre» Marcos Miguez

O ano pasado destacaron os elementos vinculados á proxección e a visibilidade exterior da cultura galega

27 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A música e o audiovisual foron os elementos máis salientables da cultura galega no 2023, que destacou en especial aqueles elementos vinculados á proxección e a visibilidade exterior da cultura galega, pero tamén os grandes eventos e programacións. Así o amosa o documento de traballo O máis destacado da cultura galega en 2023 segundo os seus xestores, que recompila as respostas de 960 entidades do sector cultural galego e que o Observatorio da Cultura Galega publicou como avance do vindeiro Barómetro da Cultura Galega. Deste xeito, as Tanxugueiras encabezan a listaxe, cun 10,3 % das respostas, seguidas moi de preto polo festival O Son do Camiño (10,1 %), o filme O corno (7,4 %), Yolanda Castaño co Premio Nacional de Poesía e a publicación de Materia (5,5 %) e a película As bestas, de Rodrigo Sorogoyen (5,5 %). A porcentaxe expresa a coincidencia nas respostas do conxunto de entidades.

Tanto as Tanxugueiras, coa súa participación no Benidorm Fest, como O Son do Camiño xa obtiveran posicións destacadas no 2022, cun 21,1 % e un 10,4 % da mostra respectivamente. En xeral, o ámbito musical acada importantes referencias, como o dúo Fillas de Cassandra (1,5 %) ou Leilía e a súa xira de despedida (1,2 %). No ámbito audiovisual destacan tamén figuras individuais como Luis Tosar (1,4%) e Luis Zahera (0,9%), así como outras mencións «en relación coa crecente importancia da visibilidade e recoñecemento deste ámbito da cultura», como a Academia Galega do Audiovisual e os premios Mestre Mateo (1,1 %), ademais doutros festivais ou os contidos en galego das plataformas.

As diferentes programacións e os festivais ocupan tamén unha posición relevante, como os eventos culturais do Camiño de Santiago (4 %), aínda que menor comparado co Xacobeo (22,3 %) e ao mesmo nivel que a programación da Cidade da Cultura (4 %).

Na mostra destaca tamén a presenza dos premios literarios, con Yolanda Castaño e Paula Carballeira e o seu Premio Nacional de Literatura Dramática (2 %), así como a relevancia singular de autores como Ledicia Costas (0,7 %) ou Arantza Portabales (0,3 %).

No plano das artes destaca a Celebración Picasso 1973-2023, en referencia á exposición Picasso branco no recordo azul do Museo de Belas Artes da Coruña (1,8 %), e as exposicións da Fundación Marta Ortega, sobre todo a de Helmut Newton (1,6 %).