«Os veciños ofrécenme auga e abren as fiestras para que me poida apoiar»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

AS NEVES

Oscar Vázquez

Maruxa Barros tanto arranxa fachadas como escala unha cova. O seu son as alturas, en traballos verticais suspendidos e na espeleoloxía: «O límite está na túa cabeza»

24 abr 2022 . Actualizado a las 00:20 h.

A xenética deulle a María Luisa Barros (As Neves, 1969) un metro cincuenta e nove de altura, pero esta deportista ten por costume desafiar á natureza e ás súas leis, empezando pola da gravidade. No seu día a día, adoita mirar o mundo dende arriba, tanto no seu traballo como albanel especializada en traballos verticais suspendidos coma no seu tempo libre, no que practica espeleoloxía, acadando importantes recoñecementos como deportista de alto nivel. «Síntome cómoda nas alturas. Non teño vertixe pero, ás veces, miras para abaixo e buf... Chámanme Spiderman ou Spiderwoman, pero iso non me molesta».

Barros, á que todos coñecen como Maruxa, tanto encinta unha parede a ducias de metros de altura, como repara un caleiro, ou taladra unha pedra no alto dun edificio de dez pisos. «Teño compañeiros que prefiren baixar no ascensor, eu prefiro subir e baixar pola fachada». Ás súas costas leva anos de adestramento. Comezou na espeleoloxía por probar algo novo cando practicaba sendeirismo. O interese converteuse en paixón tras baixar ao buraco do inferno, na Illa de Ons, aí quedou fascinada dun deporte no que sigue competindo, con 52 anos. «Un día chamáronme para un traballo en altura e, de repente, me atopei traballando suspendida. O límite está na túa cabeza e no tipo de traballo». Barros insiste en distinguir as dúas disciplinas porque, aínda que se parecen, ambas requiren formación específica e distintas normas de seguridade.

A carreira deportiva de Maruxa está marcada polos recoñecementos. Non hai galardóns na carreira laboral pero si cimas acadadas, polas que pasaron moi poucas mulleres e onde ela xa ten cravados o seus ganchos. «Para isto non fai falla ningunha cualidade específica, depende da forma de ser, de que asumas retos. Pero as que nos dedicamos a isto somos mulleres fortes, guerreiras. Ten moito de superación». Ela adestra con asiduidade para manter unha forma física para o deporte pero tamén para poder subir e baixar polas cordas da obra. «Temos que cargar sacos, subilos ao tellado... Ás veces custa, por iso hai que adestrar. Eu fago circuíto de forza e resistencia. Tamén fago sesións con pesas».

Si un pasea por Vigo ou arredores pode atoparse con Maruxa Barros colgada nunha fachada. Aínda que os máis sorprendidos son os veciños que a descobren por fora da fiestra da súa vivenda. «Cando estou suspendida nun edificio, a xente asómase á fiestra e me preguntan si preciso algunha cousa. Ofrécenme auga e abren as fiestras para que me poida apoiar no borde». Explica que, colgada, ves a vida «como na tele», escenas cotiás dentro das vivendas. Pero o que realmente impresiona non é mirar para abaixo, nin para diante, senón xirarse: «Temos unhas vistas incomparables. Vigo é precioso, dende arriba se respira outro aire, todo é máis bonito. Ver unha posta de sol, un amencer, as Cíes... É impresionante».

Os riscos existen pero esta espeleóloga insiste en que, con formación axeitada, os perigos minimízanse. Pero hai sustos: «Tenme pasado de írseme os pés. Ou non controlar o péndulo e que se che vaia a corda, ou esvarar pola chuvia... Hai que ter os cinco sentidos alerta e traballar con seguridade». A situación máis perigosa viviuna un día que, pintando unha fachada, se lle escapou das mans a tapa do bote de pintura. «Levamos todo pendurado e agarrado por mosquetóns, pero un día de vento, escapoume unha tapa. Miras para abaixo esperando que non pase ninguén, porque a gravidade fai o seu traballo». Tanto no oficio como no deporte, os profesionais desta área nunca van sós: un ou máis compañeiros axudan a velar pola seguridade. «Antes de subir hai que facer ben a instalación. E o que leva máis tempo. Tes que poñer as cordas, furar, ver que non rozan... Hai que facelo con total seguridade». Ademais da faceta profesional, e da deportiva, Maruxa Barros é nai dunha rapaza de 22 anos e docente la Fundación Laboral da Construción. Solo hai unha cousa que se lle resiste a esta deportista. «Encantaríame tirarme en parapente pero me da medo», segundo confesa «non é pola altura senón por non poder controlar a situación».

Esta profesional ten compañeiras no equipo Espeleo Club Aradelas, pero non tantas na obra. «Sei que hai outra muller en traballos verticais suspendidos nesta zona pero non a coñezo. Si hai máis compañeiras na espeleoloxía e tamén traballando neste oficio noutras comunidades», explica. «Ás veces plantéxome como incorporar a máis mulleres. Creo que a maioría das empresas non están preparadas, pero con maior cualificación e máis formación pola nosa parte se pode acceder ás empresas». Aínda que son poucas as que optan pola construción, Barros defende que poderían ser moitas máis das que están. «Hai moito onde escoller, pintura, decoración, construción... Podes estar cortando taboleiros, encintando pedra, dar imprimación... Este traballo é moi variado e non é nada monótono». Esta profesional bota en falta máis material específico para mulleres que «normalmente temos corpos máis pequenos. Ás veces é complicado atopar unhas luvas do teu tamaño ou pantalóns». Unha reivindicación que deixa caer na súa particular escalada cara a igualdade.

A súa canción favorita

«Come Around Me», de Justin Bieber. «Escollín esta canción porque me evoca un momento moi bo na competición. Quería compartilo, a min gústame compartir moitas cousas, sobre todo as boas. O que me gustaría é que a próxima vez que falemos, poidamos falar de máis mulleres que se adican a este oficio».