«É impensable poder conservar o cen por cen do patrimonio»

Concha Pino SANTIAGO

CRECENTE

Galicia non é das comunidades que rexistran máis agresións, pero Patrimonio intensifica os acordos coa Fiscalía e as forzas de seguridade para intervir e sancionar

06 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O patrimonio cultural galego non só é grande e rico. Tamén é moi diverso, e se espalla por todo o territorio. O director xeral que ten a responsabilidade desta área na Consellería de Cultura, Felipe Arias, non minimiza os problemas, pero tampouco os magnifica. Ten unha longa e acreditada experiencia, non só porque foi director do Museo do Castro de Viladonga. Malia que os medios para protexer e conservar os bens culturais «nunca son suficientes», é optimista diante da «vaga positiva de interese social polo patrimonio, aínda que é menos que a concienciación polo medio ambiente». -Europa Nostra reclama atención urxente ao dolmen de Moruxosa (Toques) e á igrexa románica de Crecente. ¿Como o explica? -Fan ben en chamar a atención, o raro é que só inclúan dous casos, porque temos máis dunha igrexa románica e máis dun dolmen, e non todos están ben. -¿Hai casos peores? -O patrimonio é tan extenso que non se dá feito, pero non serve de desculpa. Temos que aproveitar que hai maior conciencia social para solicitar máis medios de todas as Administracións, pero tamén é verdade que é impensable que poidamos conservar o cen por cen do patrimonio. O propio tempo vai facendo unha selección, pero outros bens morren porque non se pensaron para que duraran mil anos máis, como o ferro. -Semella que nunca se destinaron tantos medios e atención, pero que tamén hai máis agresións e espolios. -Efectivamente é así. Por iso catalogar e inventariar é a base, porque non está todo inventario malia que os niveis están a anos luz de hai quince ou vinte anos. Cada vez descóbrense máis, como pasou cos lumes do verán pasado, que cando fomos valorar os danos dos petróglifos afectados descubrimos moitos, así como mámoas e outros elementos dos que non se tiña coñecemento. O patrimonio está actualizándose continuamente, con altas e baixas. -¿Ate que punto son relevantes as agresións intencionadas e os espolios? -Galicia non é a que máis espolios sufre, pero existen roubos de cruceiros e en igrexas. E son preocupantes as escavacións clandestinas e o uso de detectores de metais. Hai que estar moi atentos. -¿Por iso asinou o convenio cás forzas de seguridade? -O convenio viña do 2005, pero o que queremos incentivar son cursos, porque é verdade que a propia xudicatura está dándolle unha importancia ao patrimonio que ate non hai moito faltaba. Castigan a agresión e están fallando a favor de Patrimonio. Non desexaríamos que fora necesaria, pero é importante xunto con outras medidas de concienciación e a de promoción. Todas son complementarias. -¿A vía coercitiva, a sanción, está sendo eficaz? -Bastante, en boa medida polo sentido común, o medo en definitiva a que che vaian ao peto e mesmo a vía penal. As sancións medraron a resultas de expedientes resoltos, que pasaron do 2004 ao 2006 de 37 a 81. Os abertos pasaron de 64 a 132. -¿Os peores casos son os que non se queren ver por comenencias urbanísticas? -A variedade é moi grande, dende un camión que tira accidentalmente un cruceiro ate verdadeiras agresións planificadas, de roubos e de edificacións urbanísticas onde se sabe que hai elementos a protexer, e as canteiras. O estudio de impacto patrimonial está incluído no de impacto ambiental, por iso é necesario facelos moi ben, porque senón topámonos con proxectos que entran polo adro dunha igrexa ou polo medio dun xacemento. Pasa sobre todo coa arqueoloxía, porque se pode facer unha prospección demorada e non ves nada ate que levantas cincuenta centímetros e aparecen restos. Por iso os bens arqueolóxicos están declarados de dominio público. E hai que establecer cautelas.