Un Espazo Lectura para converter a Gondomar nunha vila do libro

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

GONDOMAR

M.MORALEJO

A asociación de Gondomar é finalista nos Premios Follas Novas do Libro Galego

21 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En Gondomar naceu no ano 2008 un proxecto único en Galicia, o Espazo Lectura. Unha asociación de amantes da literatura que conta con máis de cen persoas nos oito clubs de lectura que organizan cada mes para todos os gustos e idades. Ademais, tamén teñen un banco de libros na súa Casa da Lectura, fan sesións de contacontos e organizan presentacións de libros. En total, ofrecen ao redor de 15 actividades ao mes e contan con 25 voluntarios. A súa presidenta, Yaiza Peixoto, sabe que son un proxecto «único» que agora ten como obxectivo converter a Gondomar nunha vila do libro, un lugar no que a literatura é a súa principal atracción turística.

O xerme do Espazo Lectura está nun grupo de nais e pais dos nenos do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Gondomar. Querían gozar da literatura cos seus pequenos e crearon Contomar, un contacontos que aínda existe con sesións todos os luns do mes de outubro a maio. A partir desta primeira actividade foron aparecendo as demais. O Espazo Lectura creceu canda os fillos deses pais e nais. Adaptáronse aos seus intereses e apareceron os clubs de lectura, a banda deseñada e outras tantas actividades.

Ademais dos socios que fan posible que Espazo Lectura non deixe de crecer, tamén teñen unha chea de colaborades que denominan socios protecotres. 17 editoriais colaboran con eles, 17 colexios, dúas entidades culturais e unha libraría. Artellaron toda unha rede que permiten que Gondomar e O Val Miñor «sexa unha comarca con moitísimos lectores e escritores», destaca Yaiza. Para ela, ter unha programación variada, mantida no tempo e contar con apoio institucional é «un dos segredos do éxito do Espazo Lectura». Este traballo permitiu crear hábitos lectores que, agora, son a semente de moitos novos afeccionados de todas as idades. Son, en definitiva, un lugar común onde gozar e aprender literatura da man de de persoas que soñan con libros.