«O paseo marítimo era o pretexto para derribar a nave de Casqueiro»

carlos ponce MOAÑA / LA VOZ

MOAÑA

XOAN CARLOS GIL

Asegura que a familia non se sente apoiada polo PP nin por Coalición por Moaña

14 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Riobó Costa non esquecerá nunca o atentado contra o estaleiro de Casqueiro. Seu pai foi quen o levantou a mediados do século pasado e agora ve como o traballo de toda unha vida se esfumou. Sinala á Plataforma Beiramar como a responsable e a instigadora do incendio pero nunca pensou que poderían chegar tan lonxe.

-Pasaron catro días dende o incendio. ¿Cómo se sente?

-Algo máis recuperado, pero aínda sinto moita dor. Pensar que ao mellor meu irmán morreu por culpa disto... Pero a vida segue e hai que animarse.

-Comenta que seu irmán morreu debido a isto...

-É unha expresión forte. Pero no noso sentimento interno sabemos que esas mobilizacións, esas pitadas, lle fixeron dano. É como cando un é coxo, vén alguén por detrás e bota por el e cae. Pois isto é igual.

-¿Que significou o estaleiro de Casqueiro para Moaña?

-Nos anos corenta e cincuenta, era a industria que había aquí. Estaban o estaleiro de Eusebio, o Ferreiro, o de Carlajo e o de Casqueiro. E o que máis se desenvolveu foi o noso. O noso pai fixo barcos moi importantes. Houbo épocas nas que había corenta homes traballando.

-¿Hai canto tempo que non está operativo?

-Dende os anos setenta, houbo que reconverter a nave nun almacén de madeiras para poder subsistir.

-A alcaldesa fala de inquina cara a súa familia. ¿De onde cre que vén ese sentimento?

-Como en todos os pobos, cando unha familia destaca... Meu irmán e eu fomos os primeiros universitarios de Moaña fillos de traballadores, e naquela época iso era un pecado mortal. E hai outras cousas que a xente interpreta mal e de aí ven a envexa. Pero tampouco lle dou máis importancia.

-¿Teñen claro quen son os culpables do incendio?

-Claro. Os culpables son os que se andan manifestando por aí. Ademais, denúncianse eles mesmos. Primeiro, houbo en pleno no que dous cabaleiros dicían: «Non dirán vostedes que, co que falta en Moaña, van deixar esa porquería aí, onde se poderían aparcar cincocentos coches. Tamén están as pintadas. E nas últimas manifestacións dicían que, para a próxima, ían ir con dinamita. E aí está. Non podo dicir foi Pepito ou Marujita, pero que foi esta xente, por suposto. Porque ademais, estou plenamente convencido de que o fin era derrubar a nave de Casqueiro, non facer o paseo marítimo. O paseo era o pretexto para derrubar a nave. É a conclusión á que eu chego.

-¿Cal é o motivo, entón, para incendiar a nave?

-¡Eu que sei!. Será para deixar espazo, porque algún iluminado xa dicía que este era o sitio perfecto para construír o auditorio que Moaña non ten. E se tiraran a metade das casas de Moaña, poderíase ata facer un campo de fútbol.

-¿Ten esperanza de atopar os culpables?

-É algo que desexo moito. Pero esperanza non hai demasiada, porque a policía posiblemente non ten os suficientes datos.

-¿Esperaba que chegaran tan lonxe como para incendiar o estaleiro?

-Son actos fascistas. Nunca pensamos que chegarían ata tal extremo.

-¿Como se percataron do lume?

-Estábamos durmindo. Eu entereime porque me chamou o meu sobriño. Cando cheguei, xa estaban os bombeiros e media nave xa estaba queimada. Os primeiros que se percataron foron uns rapaces que estaban tomando algo no Portobelo, miraron o fume e chamaron a policía.

-¿Nota o apoio da sociedade moañesa nestes momentos?

-Absolutamente. Toda a familia estamos moi agradecidos ao pobo de Moaña. Sempre hai excepcións, pero en xeral si, autoridades incluídas, pasando pola alcaldesa e ata a Guardia Civil.

-¿E o apoio de todos os partidos políticos do Concello?

-Non de todos, porque os partidos non están para defender aos cidadáns. Están para outras cousas, pero para defender aos cidadáns non. No Concello hai dous que non nos apoian, o PP e Coalición Independente por Moaña.

-¿Que lles parece a idea do goberno municipal de converter o estaleiro nun museo?

-Sempre foi a nosa aspiración, non tiñamos outra. O que pretendíamos era que quedara en pé para recordar no futuro a industria de Moaña. E se a alcaldesa e a corporación quere iso, nós encantados.

-¿Que sentiu na manifestación do domingo onde centenares de moañeses se mobilizaron para mostrar a repulsa polo atentado?

-Moita emoción e satisfacción.