«É unha honra que te recoñezan así»

La Voz VIGO / LA VOZ

O ROSAL

O exatleta olímpico ecibe a medalla de bronce da Real Orden del Mérito Deportivo

17 mar 2017 . Actualizado a las 09:29 h.

O exatleta olímpico David Gómez (O Rosal, 1981) recibe hoxe en Pontevedra a medalla de bronce da Real Orden del Mérito Deportivo. Un recoñecemento que lle outorga o Consejo Superior de Deportes e que premia unha longa e frutífera traxectoria que agora deu paso á súa faceta como adestrador.

-¿Feliz con este recoñecemento?

-É unha honra que te recoñezan así. A verdade é que me colleu despistado, non o agardaba porque xa levo tempo desconectado como atleta, e non pensaba ser merecedor dun galardón así. Pero por suposto, agradécese.

-¿Ten recibido moitos premios deste tipo?

-Penso que ningún. Teño unha placa da Xunta de cando viñemos de Pekín, pero as miñas medallas son de tartán. Estas son bonitas, pero eu admirei sempre as da pista, as que consegues coa túa suor. Os recoñecementos non me preocuparon nunca, pero se veñen, benvidos sexan.

-Adestra no Celta. ¿Desfrútao igual que cando competía?

-Si, é diferente. Eu de pequeno dicía que quería ser olímpico e despois adestrador, e déronse as dúas cousas. Eu tiña ao meu adestrador como exemplo a seguir e quería ser coma el.

-¿Agora sofre máis ou menos ca antes?

-Son diferentes tipos de sufrimento, tiña as cousas moito máis claras cando estaba na pista. Sabía o que quería e como o quería [risas].

-¿Cre que algún dos seus atletas pode tomar o seu relevo olímpico?

-É moi complicado falar tan a longo prazo, ser olímpico son palabras maiores, é moi complicado porque non son só as calidades que teñas, senón tamén o traballo que lle dediques e tamén a sorte. Nunca lle digo a ninguén que vai ser olímpico, eu dígolles que traballen e se teñen sorte farán algo importante. É moi duro tentalo e que saia, e aínda máis se non sae

-¿Vostede é dos adestradores que apostan por introducir sistemas de traballo innovadores?

-Tento ser bastante innovador neste campo. Os adestradores máis novos sempre introducen fórmulas máis modernas. Eu tiven sorte de ter varios técnicos ao longo da miña carreira e aprendín moito. Sempre dixen que cando ía aos campionatos pasaba máis tempo na pista de adestramentos que na pista de competición cando non competía mirando o que facían os demais e investigando. Hoxe é bastante sinxelo obter información de métodos de adestramento do que fai outra xente, hai vinte anos chegaba a contagotas.