«É a primeira vez que se vai facer un musical de estilo folk»

La Voz

REDONDELA

M. MORALEJO

O conservatorio Mayeusis organiza un espectáculo a beneficio de Unicef que leva por título «Ollos de lume»

30 may 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

O Teatro de Afundación acolle a partir das 20.00 horas a obra Ollos de Lume, baseada na lenda da Coca de Redondela. O espectáculo, que organiza Mayeusis, recolle fondos a favor de Unicef. O músico Ernesto Campos é o compositor deste musical folk.

-¿Que novidade aporta a composición?

-O pasado ano estreamos a peza en formato cantata. Estaba a orquestra, un coro e os solistas, pero estes non actuaban. Agora, a través do impulso inicial de Isidro Betancourt, director de voces no conservatorio Mayeusis, propoñemos un formato de musical.

-¿Como é iso?

-Coma unha ópera-folk pero realmente é un musical. Vaise abrir o foxo do teatro para que nós, os músicos, toquemos en directo. Os solistas e o coro disporán de todo o escenario para eles.

-¿Quen traballou neste proxecto?

-Na banda dos responsables están Diego Caride como director musical; o responsable das voces é Isidro Betancourt; da escenografía fíxose responsable Martín Máez; da danza foi encargada Eugenia Piñeiro; e Lucas Alonso foi o coordinador xeral. Eu son o compositor.

-¿Foi moi complicado pasar da cantata ao musical?

-Imaxina. Participarán máis de 200 persoas. Hai moita xente convidada procedente da Fundación Igualarte, do grupo tradicional Inquedanzas de Tomiño, e os coros Son de Acacias, Adaxe de Alxén, Nosa Terra de Pereiras, Santa Eulalia de Mos e Grupo de Danza de Espadas e Penlas de Redondela.

-¿Cal é a relación con Redondela?

-Cando fixemos o son da cantata, buscábamos unha historia baseada nunha lenda galega. Eliximos a da Coca de Redondela porque cumpría todas as nosas necesidades, se supón que fala dun monstro mariño que comía virxes. Eu manteño a teoría que esta lenda ten que ver coas incursións dos viquingos, que viñan naqueles barcos con dragóns nas súas proas.

-¿Haberá outras representacións deste espectáculo?

-Cos dous formatos, tanto de cantata como de musical, Mayeusis ponse a disposición de calquera lugar que queira levar este espectáculo. Non queremos que morra mañá o espectáculo.

-¿Como definiría musicalmente esta obra?

-Musicalmente é unha especie de folk sinfónico. O principal instrumento é a gaita, pero moitos dos doce números que se compón a obra van ser tocados polos rapaces do grupo folk de Mayeusis. Pero tamén se contratou a un arreglista para que algúns fragmentos os tocara a orquestra de alumnos de grao profesional de Mayeusis. É a primeira vez que se vai facer un musical con estilo folk.