A «nación» de Margarita Ledo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

SOUTOMAIOR

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En febreiro de 2004 Xosé Luis Suárez Canal e mais eu entrevistamos a Margarita Ledo para a revista Grial (nº 162). Acababa de estrear Santa Liberdade, o seu primeiro filme, no que recreaba, dende a linguaxe e a estética do documental, a experiencia do secuestro do transatlántico Santa María en 1961 por militantes do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), acción política contra as ditaduras de Franco e Salazar na que participaban como dirixentes dous galegos e un portugués: Xosé Velo Mosquera, o comandante Soutomaior e o tamén militar Henrique Galvâo.

A película buscaba reconstruir os feitos a través do testemuño dos descendentes daqueles protagonitas. «As cousas existen porque as contamos», dicía Margarita nos titulares da entrevista. A memoria é fundamental para saber quen somos e onde queremos ou non queremos ir. Memoria explícita, crítica, nunca disimulada, que acaba traumatizándonos.

Dende entón, a nosa directora produciu e dirixiu outros tres filmes: Liste, pronunciado Lister (2007), A cicatriz branca (2012) e agora: Nación, que anda a circular polas pantallas e os festivais, explorando circuítos autónomos antes de adentrarse no mundo das plataformas.

Xa naquela entrevista falaba Margarita Ledo das dificultades do produto audiovisual, fundamental para instalar a cultura e a lingua galega na modernidade. Non se trata só de crear e producir, cómpre poder financiar, programar, distribuír, promocionar, exhibir, acceder ao público alí onde o público se atope, o que en moitos casos significa construír espazos novos, fórmulas diferentes para que a experiencia (e o futuro) sexa viable. Tal é o traballo, ás veces heroico, da nosa autora.

Nación (premio á mellor dirección española no Festival de Sevilla, 2020) confirma, dende a madureza e dende a orixinalidade das súas propostas narrativas, unha traxectoria que xa se apuntaba no primeiro filme: o protagonismo da muller na construción da historia, protagonismo non sempre explícito, pero que cada vez resulta máis evidente, non só no tempo que vivimos, malia o moito que queda por facer, senón na memoria do pasado (próximo e remoto). Durante toda a proxección non puiden deixar de pensar na obra de Rosalía de Castro, moi principalmente, en Follas Novas. As viúvas de vivos e mortos están aquí, no conflito da fabrica de louza Grupo Álvarez, (Pontesa, Arcade, 2001), na mirada intensa das traballadoras que protagonizan a película, mesmo nas reivindicacións pendentes: 2.5 millóns de euros vistos para sentencia o 28 de xuño do ano pasado. E mais nas historias que están detrás e traen raiceiras de lonxe.

 

 

A documentación é impresionante, igual que noutras producións anteriores, e o discurso explícito: elas son a nación. Ou se queremos velo doutro xeito: sen elas non hai nación posible.