TEMA Consellería de Educación

Últimos artículos publicados

02 nov 2023

Floradeira en «De 0 a 100»: «Escollín quedar en Paderne para reivindicar o traballo da muller rural»

Verónica Souto é Floradeira e Floradeira é Verónica Souto. Dúas caras, a persoal e a empresarial, da mesma persoa. Souto compartiu grazas ao programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación a súa iniciativa empresarial no concello coruñés de Paderne cos alumnos do centro no que ela mesma estudou: o IES Francisco Aguiar de Betanzos. Esta emprendedora herdou da súa familia a paixón polo cultivo de flores e, fai aproximadamente nove anos, nos terreos onde antes había produción case exclusiva de caraveis, abriu o abano a novas especies. «A arte floral está nun momento álxido, hai que estar pendente das tendencias de moda e mesmo de interiorismo, pero procurando sempre fomentar flores tradicionais e de tempada que che dean as cores e os formatos que queren os clientes». Así fala esta florista da súa aposta vital, lonxana dos seus estudos universitarios de psicoloxía, pero moi preto da súa familia e da forma de vida que ela quería: «Tiña claro que non quería as mañás de tráfico da cidade e buscaba unha maneira de poñer en valor o sector primario no que traballaron os meus antepasados». Hoxe Floradeira conta con tenda en liña, abriu a súa «palleira» para facer obradoiros onde se vive unha experiencia completa (dende cortar as flores no invernadoiro a armar os ramos) e mira ao futuro con optimismo: «agora mesmo estamos facendo 20 envíos ao día por toda España e a idea é seguir medrando».

Iago García / Alex López-Benito / Senén Rouco