Patrocinado porPatrocinado por

Bantega

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

AGRICULTURA

22 mar 2017 . Actualizado a las 13:54 h.

Da lectura do artigo publicado o venres neste xornal baixo o título «La Xunta oferta 235 hectáreas de terreno rústico desde 20 euros (Las 254 fincas pertenecen al Banco de Terras y su uso es agrícola o forestal)» podería pensarse que son os propietarios de fincas incultas os causantes de que o sector agrogandeiro non dispoña de terreos abondo para traballalos. Nada máis lonxe da realidade. O que non hai é a suficiente demanda, tanto que moitos agradecerían emprestalas, sen arrendamento algún, sequera fose para non ter que pagar -ou por vergoña- unha limpeza cando xa as súas leiriñas están cheas de malezas. Seino moi ben.

O Banco de Terras de Galicia (Bantega) foi deseñado polo conselleiro do Medio Rural Alfredo Suárez Canal (Lei 7/2007), no goberno bipartito de Touriño e Quintana, modificada polo de Núñez Feijoo (Lei 6/2011). Trátase dunha iniciativa con boa intención, pero baleira de contidos prácticos, dunha utopía feita nos despachos que nada ten que ver coa realidade do rural galego. Algo así como aquilo de comezar a casa polo tellado.

Porque os que estamos convencidos de que o agro galego ten posibilidades non podemos entender que o maior atranco para o seu desenvolvemento sexa, precisamente, o desorbitado intervencionismo público, como moitas veces nos ocupamos nesta ventá, tentando dilucidar o vello dilema de se foi antes o ovo ou a galiña, polemizado dende Aristóteles e Plutarco ata Stephen Hawking. Aínda que sexa por paisanaxe deámoslle unha oportunidade a Salvador de Madariaga, cofundador e primeiro presidente da Internacional Liberal.