Patrocinado porPatrocinado por

Axuda a paliar os efectos da seca

La Voz

AGRICULTURA

Aprovéitase mellor a auga regando de mañanciña ou ao atardecer
Aprovéitase mellor a auga regando de mañanciña ou ao atardecer DENÍS BELOSO

22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai meses que os organismos oficiais veñen avisando das consecuencias para a gandería e a agricultura que está a provocar a ausencia de choiva nun lugar, Galicia, onde a falta de auga nunca foi un grave problema, agás recentemente no 2006, ano no que unha prolongada seca causou desabastecemento e, nalgunhas cidades con deficiencias nas infraestruturas, mesmo cortes de subministro.

Lonxe de que a esperada chegada do outono arranxe o problema, as alertas van subindo graos pola persistencia do anticiclón e as autoridades xa empezan a avisar de que na auga para consumo humano podería empezar a notar as consecuencias, que nalgúns puntos illados xa coñecen (o mal sabor da auga, por exemplo).

Seriamos uns ilusos se pensásemos que esta seca vai ser cousa deste ano e que xa pasará, pois o quecemento global parece que vai perpetuar en Galicia a falta de choiva. Cómpre que nós, cada un de nós, faga algo por non malgastar un ben que en poucos anos podería ser escaso. Aquí tes varias ideas para aforrar auga que resumiu Viaqua.

1. Non deixes a billa aberta mentres lavas os dentes: cun vaso de auga pode abondar. O mesmo vale para lavar a cara ou as mans. Enche un pouco a pía e verás que abonda.

2. Dúchate, no canto de bañarte, e pecha a billa mentres te enxabonas.

3. Se tes cisterna con dobre botón, emprega o do recipiente pequeno. E non uses o váter como caldeiro do lixo.

4. Garda unha xerra na neveira e non deixes correr a auga da billa para que arrefríe.

5. Se che piden que limpes o coche, emprega un balde no canto da mangueira.

Tamén podes suxerir na túa casa que adopten estas outras cinco:

6. Poñer a lavadora e o lavalouzas cando estean enchidos.

7. Reparar as billas que goteen.

8. Instalar dispositivos de aforro en billas e duchas.

9. Cubrir as piscinas para evitar a evaporación.

10. Regar á tardiña ou ao amencer, mellor con sistemas de goteo.

Visita a web de Viaqua, e lembra que segue aberto o prazo para concursar nos Relatos de auga intelixente:

  • www.viaqua.gal.