O colectivo convoca para este domingo unha reunión onde se elixirá ir a Bélxica ou de cruceiro polas illas gregas
04 feb 2016 . Actualizado a las 13:13 h.Amigos das Viaxes, asociación que preside Xaime Cancio e, como ben di o seu nome, centra a súa actividade en facer que os mariñáns viaxen polo mundo adiante, convoca unha reunión informativa para este domingo co fin de escoller visitar os Paises Baixos ou ir de cruceiro polas illas gregas, este ano. Será ás 20.00 no Cenima.
-As propostas de viaxes, ¿de quen ou quenes parten?
-Todos os meses facemos unha. Sempre vamos facendo cousas en función do que a xente vai dicindo. Recollemos suxerencias e pasamos á volta unha enquisa de opinión, de calidade. Valoran o hotel de 0 a 10, visitas, limpeza, autobús, atención e se propoñen novos destinos.
-Media de participantes.
-Case sempre enchemos dous autobuses con cen persoas. Raras excepcións, tres. O raro é que vaia un bus so.
-¿Cantas fan ao extranxeiro ao longo do ano?
-Internacional é unha salvo que nos coincida co hermanamento con Trègastel e sempre que imos á Bretaña francesa aproveitamos para facer algo de turismo, visitamos Normandía... Este ano probablemente iremos a París ou Londres, como temos o túnel. Este ano serán dúas viaxes fóra, a de finais de agosto ou primeiros de setembro á Bretaña, con París ou Londres, non sabemos, e Países Baixos ou o cruceiro das illas gregas, despois do Carme. Á reunión do domingo pode ir quen queira e de onde sexa.
-Pois anda medio revolto o mundo como para viaxar... tralos atentados de París.
-Nós estamos totalmente tranquilos. Esas son cousas que poden suceder en Madrid. Se pensas que vai caer un avión non vas en avión ou se pensas que che vai dar un infarto nin saes da cama.
-¿Qué aporta viaxar?
-Digo que viaxar é a mellor menciña para o noso corpo porque nos aporta felicidade. É coñecer novos sitios, a relación social, desconectar desa vida monótona que temos a veces... Unha viaxe de so cinco días parece que dura quince porque antes está a preocupación de preparala e cando volves recordas e comentas o que viches.
-¿Cal foi a súa favorita?
-Eu que sei... Praga e Viena si, gustáronme. Outra que me impresionou, Croacia. A dos fiordos noruegos tamén fora moi impactante porque foi o primeiro cruceiro que fixemos Amigos das Viaxes.
-¿Como vive a emoción dun maior que nunca viaxou pero así sae da casa, vai no avión no que nunca foi e ve mundo? Moitas anécdotas haberá...
-Pensa que levo case 20 anos organizando viaxes para a xente e de forma altruista. Lembro que a primeira fora a través da Asociación de Veciños de Fazouro, na que non dimos completado un autobús para ir durmir fóra da casa unha fin de semana porque a xente ata lle tiña pánico daquela a durmir fóra un fin de semana so. Se collemos un grupo de maiores e os metemos na casa dun francés a convivir con alguén que non coñece, nin coñece o seu idioma... ¡fíxate o que avanzamos! En relación co hermanamento, hai xente que era reacia a aloxarse nunha casa, pero os que o primeiro ano foron de hotel ao ano seguinte xa foron á casa. Froito destas viaxes algunha xente estableceu algunha relación tan íntima que acabaron en matrimonio ou sendo moi amigos. E é xente que ao primeiro non se coñece. Por iso defendo isto como unha actividade que reporta moitísima felicidade. Outra cousa che digo... en vinte anos e pico non tivemos ningunha noticia desagradable, que as pode haber. Algún susto si.
-¿Cal é a súa forma de traballar?
-Cando eliximos destino, pedimos ofertas a varias axencias co mesmo programa e a partir de aí escollemos a que máis barato nolo faga. Hai unha cousa importante aquí, que é a confianza que xeneramos na xente despos de viaxar unha e outra vez. Ata hai quen me di ao voltar dunha «apúntame» para a seguinte e sen preguntarme o prezo. Tamén intentamos facer unha relación social. Se aló teñen un coro levamos un coro de Foz, que aproveita para cantar e o coro daló vén aquí. Incluso temos feito visitas turísticas por Foz para grupos que veñen, sempre en colaboración con asociacións ou axencias de viaxes que nolo piden.