«Foz foi sempre a miña vida, ségueo sendo e serao de por vida»

A MARIÑA

María Cuadrado

Un chupinazo porá hoxe o punto e final ao pregón no que o prexubilado de banca Jesús Oroza lembrará o Foz da súa nenez

08 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, ás 20.00 horas, Jesús Oroza Vila (Foz, 1949) lerá na Casa da Cultura focense o pregón das festas do San Lourenzo. Prexubilado de banca e amigo dos seus amigos, goza dun gran humor e é un gran conversador.

-¿Como recibiu a nova de que fora elixido pregoeiro?

-Foi toda unha sorpresa porque non creo que sexa ninguén importante. No momento no que me chamou o alcalde sentín un pouco de emoción. Agradecino, aínda que ó principio me parecía que non debía aceptar. Despois comenteillo a un amigo de Ferrol e díxome unha frase que me fixo recapacitar. Ó día seguinte, cando volvín falar co alcalde, dalgunha forma el xa me veu predisposto a aceptar.

-Din que, aínda que botou moitos anos fóra de Foz por motivos laborais, é un focense dos que fai pobo aquí e fóra...

-Foz foi sempre a miña vida, ségueo sendo e serao de por vida. Cando me prexubilei, con 60 anos, a miña muller e mais eu viñemos para aqui sin dubidalo. Funme de Foz con 28 anos para Ponte do Porto (Camariñas). Daquela tardabamos case cinco horas e viñamos menos a Foz, pero en agosto sempre estiven en Foz todo o mes. Estiven tres anos escasos e logo fomos para Ferrol e viñamos máis ou menos cada dúas fins de semanas. Pero aos seis anos de estar alí entrei a formar parte da directiva do CB Oar Ferrol, que estaba na liga ACB, e os domingos que xogabamos na casa non podiamos vir, pero o resto, salvo que tivera alí algunha actividade vinculada ao traballo, viñamos a Foz.

-¿Formou ou forma parte de asociacións?

-Aquí sempre participei en moitas cousas. Xa xubilado participei cos Rueiros e cos Sendeiros. E antes, máis que de colectivos, formaba parte de grupos de persoas, da Coral. O que máis lembro é o Carnaval [enumera múltiples episodios vividos en familia e con amigos en varias edicións do Entroido]. Participamos na Marcha Humorístico-ciclista ¡e aínda lembro unha ocasión que íamos de irmáns Marx!

-¿Xa ten escrito o pregón?

-Acabeino onte (polo domingo). Funno facendo a cachiños porque facer un pregón é un pouco máis complicado do que parece. No pregón vou falar máis da miña época de neno e de chaval, neto de sancristán e monaguillo. Só deixei dous detalles da miña época sénior.

-¿Que representan para vostede estas festas?

- O San Lourenzo para min é o verán. Si penso nesa época de rapaz, o San Lourenzo era vida. ¡Comíase unha sopa de galiña que lle chamaban a sopa de San Lourenzo! Daquela época só teño bos recordos.

-O traballo levouno moitos anos fóra, pero sempre volvía...

-Nacín en Foz e de chaval estiven no seminario nos Picos (Mondoñedo), logo marchei para Bilbao e cando me vin para Foz tiña 14 ou 15 anos. Volvín facer cuarto. Con 16 empecei a traballar na gestoría con Antonio do Bahía e era corresponsal do Banco Español de Crédito. El abrira despois a autoescola e eu, con 17 anos, que aínda non conducía, xa daba clases de conducir. Estando na mili, no Sáhara, tiven que vir a Madrid facer un curso de profesor de autoescola. Ao principio gustábame a docencia, pero quería ser empregado de banca. Primeiro abriu aquí Banesto e enseguida me mandaron de director para Ponte do Porto. E logo estiven entre Narón e Ferrol nove anos máis. Cando entrou Mario Conde tivemos un choque e contactaron comigo os de Caixavigo. Gustabame moito o tema da obra social e chegamos a un acordo. E alí estiven 24 anos en Ferrol, ocupando postos directivos, ata que me xubilei. Pero con Foz sempre moi presente.