«A nosa filosofía foi sempre a de acercar a música clásica ao mundo rural»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Rodríguez destaca o nivel do concurso con 27 clarinetistas e os concertos nas parroquias

16 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Reivindicar a figura do músico Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905-Torrelaguna, 1993) segue sendo un dos obxectivos do Festival de Música Bal y Gay, que este ano celebra a súa cuarta edición, máis ambiciosa ca nunca cun amplo programa de actos (do 18 ata o 29 deste mes) nos que participarán reputados músicos. Ademais do clásico Curso de clarinete e trompa, o festival acollerá o primeiro Concurso Internacional de Clarinete e concertos por varias parroquias focenses, un deles nun escenario privilexiado: o Pazo de Fontao. Enrique Rodríguez Baixeiras preside a Asociación Cultural Nois, que promove esta cita convertendo á parroquia de Nois e a Foz en lugares de encontro de grandes da música clásica. O festival conta co patrocinio de Pescados Rubén, Librería Bahía, CCA-Foz, La Voz de Galicia, El Progreso, Casa Damián, Clarinet Clinic, Restaurante Leyton, a Asociación de Montes de Nois e o Concello.

-¿Ocúpase a asociación de toda a organización?

-A asociación conta coa axuda da xestora cultural e tamén clarinetista Alba Rodríguez e de Luis Cámara, clarinetista, ambos son discípulos de Vicente Alberola.

-¿Por que decidiron ampliar o programa e organizar concertos fóra de Nois?

-A nosa filosofía foi sempre a de acercar a música clásica ao mundo rural porque, doutro xeito, non chega. Pensamos que unha maneira de facelo e podelo asumir economicamente era facendo un curso e traendo a profesores de primeiro nivel e organizando un concerto final do que desfrutara toda a xente de Foz. Fixémolo dous anos e o ano pasado xa non cabía a xente no centro social de Nois. Iso animounos a facer máis concertos e, por cuestión de infraestruturas, tiñamos que saír de Nois. Despois, falando co alcalde, pensamos en facer concertos en varias parroquias.

-¿E onde serán?

-Farémolos en Santa Cilla, en Nois e en Foz, na Casa da Cultura e no Bahía. Serán abertos para todo o público.

-E tamén teñen un concerto dirixido a nenos...

-Pensamos que había que ampliar o público e facer concertos pedagóxicos para acercar aos nenos á música clásica. Este venres, día 18, o trío Zavel ofrecerá un espéctaculo musical pensado para nenos de entre cinco e dez anos, aproximadamente.

-E no concerto final actuará a Orquestra Sinfónica do Festival Bal y Gay..., ¿con cantos músicos?

-Será na fase final do concurso. Fixemos unha ronda preliminar. Presentáronse uns corenta clarinetistas e foron seleccionados 27. Participarán na primera ronda que será o domingo 27, na Casa da Cultura de Foz. O luns 28, a partir das 16 horas, a Casa da Cultura acollerá a semifinal do concurso, na que quedarán tres finalistas e o día 29, martes, será a última ronda ou fase final na que participarán os finalistas acompañados pola Orquestra Sinfónica do Festival Bal y Gay, con 21 músicos galegos e asturianos, principalmente. O director da orquesta será Vicente Alberola. Este acto será na Sala Bahía a partir das 19.00 horas. A idea é que nos vindeiros anos se fagan concertos sinfónicos e tamén é a nosa intención intentar traer orquestras sinfónicas á Mariña. O ano que ven non faremos o concurso, xa que será bianual.