«Non vai desaparecer ningunha praza de especialistas nin de persoal sanitario no hospital»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O xerente da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares, asegura que a modificación lexislativa permitirá incrementar a carteira de servizos en Burela

17 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os principais cambios que introduce o anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, teñen como obxectivo axustar a lexislación á realidade e sitúan aos hospitais comarcais como marco de referencia, reforzando o seu papel». Fronte ás protestas pola supresión de área sanitaria da Mariña, esta é a mensaxe que reiteran desde o Sergas e que ratifica Ramón Ares, xerente da área de xestión integrada de Lugo, Cervo e Monforte.

-¿Cre que a cidadanía está informada do que suporá o cambio?

-Espero que si. Non sei se realmente é coñecedora do que se quere facer e de que repercusións pode ter [..] Mellorar a asistencia sanitaria e a resolución dos problemas asistenciais é a nosa razón de ser e de traballar.

-O conselleiro de Sanidade asegurou que a reforma da Lei de Saúde vai permitir incrementar a oferta de recursos asistenciais nos hospitais comarcais, ¿pode concretar que se fará en Burela?

-Pretende normalizar ou darlle rango normativo á realidade que xa temos hoxe en día. Desde hai uns catro anos traballamos cun modelo de xestión de estrutura integrada cunha xerencia única na que están integrados diferentes hospitais e atención primaria. É un modelo polo que se apostou no Sergas e en moitos servizos de saúde do resto de España e tamén en países europeos do noso entorno. No Hospital da Costa vainos permitir incrementar a carteira de servizos. Por exemplo, en servizos como oncoloxía fomos capaces de montar un hospital de día e consultas, de consolidar outros servizos que existían aportando prazas do conxunto da EOXI para que estean aquí, para que non se desprace o cidadán. Creáronse prazas en Oftalmoloxía, en Dixestivo, en Neumoloxía, en Uroloxía... e foi grazas a que outras prazas da EOXI se puxeron no Hospital da Costa e a que se contratou xente para esas prazas. Si o Hospital da Costa o tivera que facer de forma independente e por si só, non o podería facer.

-Pero aínda seguimos con especialidades cun só profesional, como Dermatoloxía, Endocrinoloxía, Alergoloxía ...

-Está en función da frecuentación e da demanda. Ao mellor pola poboación que temos que asistir ou pola patoloxía que temos que cubrir non dá máis. Temos que traballar para que a asistencia, aínda cun só facultativo, sexa mellor. E podemos facelo en diferentes sentidos, como desprazar outro facultativo aquí, a Burela, para facer cousas moi concretas que ao mellor cun único especialista non se podería facer.

-Hai oncólogos do HULA que se desprazan á Mariña. ¿Temos especialistas en Burela que prestan servizo noutros hospitais?

-Pois temos algún especialista do Hospital da Costa que nos foi axudar e estivo traballando en cousas concretas con outros especialistas. Si unimos todo temos máis músculo, somos máis fortes e podemos traballar mellor. Podemos garantir que a accesibilidade aos servizos dos veciños da Mariña sexa a mesma que a que reciben os de Lugo, os de Ourense... coa mesma calidade.

-¿A que se refire o conselleiro cando di que quere blindar os hospitais comarcais?

-Ata agora a distribución territorial que tiñamos por lei establecía áreas, pero non todos os hospitais tiñan asignada unha área. Agora a EOXI facémola equiparable á area e haberá tres distritos; A Mariña, Lugo e Monforte. E esta modificación establece que cada distrito ten un hospital. Dáselle estabilidade. Pese a todas as queixas, o Hospital da Costa non desapareceu, non perdeu ningunha carteira de servizos, non perdeu actividade asistencial e a xente tense que desprazar menos que antes.

-¿E por que hai entón protesta pública contra este cambio?

-¿Pública ou de determinados sectores?

-Ademais de representantes sindicais ou políticos, tamén se suman traballadores de centros de saúde e do hospital...

-De todas as conversas e reunións cos traballadores e polo coñecemento que teño do hospital, podo dicir que non teñen ningunha dúbida, nin problema en que isto lles poda afectar ao seu traballo, nen á calidade asistencial, nen ás prestacións do hospital, nen ao seu futuro. Eu desprázome por toda a provincia e en ningún sitio teñen dúbidas. [..] Cando falamos con eles ninguén nos manifesta nada.

«Si unimos todo temos máis músculo, somos máis fortes»

«Non creo que este sexa un hospital comarcal»

«Non creo que o Hospital da Costa sexa un hospital comarcal. Eu estiven aquí de xerente e sei que o que fai un hospital é o que se fai dentro [..] A carteira de servizos e a vocación de resolución dos problemas que ten este hospital está por encima dun comarcal. Este hospital ten un pasado de asentamento na comarca e de integración da poboación e o hospital, o futuro do hospital está absolutamente garantido para seguir medrando con estes parámetros.

-¿Por que non se fan agora en Burela intervencións como a implantación de marcapasos?

-Temos no Hospital da Costa un servizo de Cardioloxía cun funcionamento mellorable. As relacións dentro dos servizos ás veces son máis faciles ou máis díficiles, e ás veces, pola propia organización ou pola distribución da actividade, non se pode facer aquí todo ou non se pode facer aquí porque temos unha estrutura axeitada pero que ao mellor non damos cobertura ou non podemos cubrir as 24 horas para algunhas cousas non urxentes ou para algo que se pode programar. Algunhas destas cousas fixéronse no HULA por motivos organizativos do propio servizo.

-E nese sentido, ¿haberá máis cambios?

-Por motivos organizativos do propio servizo.

-Hoxe (venres) publicouse unha queixa pola demora dunha cita de Cardioloxía, ¿coñece o caso?

-A xerente executiva comentoumo, pero non lle podo comentar en concreto porque non o mirei con detalle. Hai servizos mellorables.

«A falta de pediatras é un problema de modelo»

-¿Presentáronse moitas alegacións ou reclamacións ao anteproxecto?

-Non sei exactamente, pero teño referencia de que varios miles. Pero isto non quere dicir que sexan varios miles distintos, ao mellor hai unha reclamación moitas veces.

-Pero esa é unha cifra importante, ¿non si?

-Pero non quere dicir que sexan distintas. De todas as alegacións haberá cousas que loxicamente se atenderán. Non olvidemos todo o percorrido parlamentario e terá que discutirse onde se teña que discutir.

-A medida que os especialistas do Hospital da Costa se xubilen, ¿que pasará?

-Outros para o seu sitio. Non vai desaparecer ningunha praza de especialistas nin de persoal sanitario no hospital de Burela. E os servizos que xa están van seguir. E ninguén vai dicir que os cirurxáns se van ir para Lugo e que teñamos que ir operar todo a Lugo. Non se vai amortizar ningunha praza e onde haxa que medrar, medrarase. Teño que dicir que desde que somos EOXI hai máis especialistas en Burela grazas a que prazas doutro sitio se puxeron aquí e non se levou nada para outro sitio.

-O Sergas reitera de forma continuada que ten problemas para contratar pediatras para cubrir vacacións ou baixas...

-Este é un problema de modelo. A Consellería de Sanidade está traballando coas sociedades de pediatría, tanto coa de atención primaria como a de hospital, para ver como cambiar este modelo. Non hai pediatras para cubrir toda a estrutura e ese problema agudízase en épocas de vacacións ou con baixas. Formamos un número importante de pediatras, pero loxicamente a xente escolle onde poder traballar.

-Aínda que na Mariña non hai hospitais privados, ¿ten coñecemento dalgún expediente aberto a facultativos por traballar no sector público e no privado?

-Non hai ningún facultativo na zona da Mariña que esté afectado.

-¿Gústalle o novo nome do hospital?

-Eu creo que o nome de Hospital da Mariña identifica máis a comarca. Pero gústame o Hospital da Costa e tamén o da Mariña [..].