«Para min a Paula é o símbolo de Mondoñedo»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O campaneiro da Catedral de Mondoñedo, Valentín Insua Palacios, ofrecerá hoxe con máis axudantes voluntarios un concerto de campás polo Día Mundial do Patrimonio

16 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, no Día Mundial do Patrimonio, Valentín Ínsua, campaneiro da catedral de Mondoñedo, transformarase nun «director de orquestra» que fará que os «músicos», sete campaneiros voluntarios, toquen as campás.

-Como vai ser o concerto?

-Ás doce tocarei polo Ánxelus. Son 33 campanadas na Paula. Logo iniciaremos o toque das campás na honra ao Día Mundial do Patrimonio. Batitales pensou en facer un toque simbólico de campás e falou co cabildo aproveitando que a catedral que é Patrimonio da Humanidade, que é o mellor escenario.

-O oficio aseméllaseme ao do fareiro. Vaise perdendo tamén?

-Si, estes oficios pérdense porque a maior parte dos que quedan son xente maior.

-É un campaneiro de serie, con tradición familiar detrás. De quen aprendeu ademáis de seu pai?

-Aprender? Eu moito tamén da xente maior que toca nas igrexas das parroquias. Eu son unha pedra pequeniña comparado con eles. Chegan a tocar xotas e muiñeiras nas propias campás. É unha pena que non poidan transmitilo a outra xente. Aos rapaces é como se non lles interesara tanto. Pero cando fixemos unha demostración en setembro, había xente nova que quedou sorprendida. Pero como algo que morre é como se non se lle dera valor. As campás tamén son ben de interese cutural e o toque patrimonio inmaterial. O que eu quero facer mañá [por hoxe], independientemente do toque do Ánxelus, é que polo día mundial toquemos as campás. Elas falan coma se fose unha reunión no salón. Primeiro, cada unha individualmente. A Paula, que é a maior, é a moderadora. Coma se estiveran explicando que pensan do patrimonio, delas mesmas... E nunha segunda parte, saíndo dese «congreso» teórico, tocaremos tres campás por unha parte como se fora un corrillo e outras tres como se fora outro. E a Paula moderando. Faremos unha terceira parte, todas xuntas. Logo irán parando unha e outra e outra e o último será o volteo da Paula e o medio volteo dos dous Esquilóns. O Esquilón tamén é outro símbolo en Mondoñedo porque se tocaba sempre ás sete menos cuarto para avisar aos sacerdotes de ir cantar no coro pero tamén cando tocaba ás sete menos cuarto a xente empezaba a xente a recoller as cousas, sabían que o día estaba terminando.

-Visita moito o otorrino?

-(Ri) Tamén temos cascos. Eu utilízoos cando volteo con meu cuñado as tres grandes. Antes non os poñía pero ultimamente...

-Cando soan todas as campás á vez, cantos decibelios hai?

-Pois non os contei. Pero deben ser bastantes.

-A canta distancia se oen?

-A catro ou cinco quilómetros óense, se se pilla un día con aire.

-A Paula, é a súa favorita?

-Para min, a Paula é o símbolo de Mondoñedo. Incluso cando íamos xogar ao fútbol nos dicían «veñen aí os da Paula». Pero para min, a Ronda é a miña preferida. O seu nome real é Ronda Rosenda María Natividad dende que se rebautizaron as campás, en 1868.

-Quen lle puxo os nomes?

-A tradición era que o nome xa o traía a campá, viña escrito nela. Cando chegaba poñíase abaixo da igrexa ou da catedral, na catedral viña o obispo, rezaba salmos, lavábase a campá con auga bendita, facíanse as cruces, botábase incienso e invocábanse os metais e... cando se subía, era un espectáculo. Iso eu non o vivín.

-Como está de saúde a Paula?

-O seu nome real é Paula de la Asunción. Ten unha brecha pequeniña que por agora non parece grave.

-Tamén están a Ronda e a Prima.

-A Prima chámase realmente María Jacoba Concepción pero está escrito na campá que o seu nome antes do rebautizo era Santiago e Rosendo. No caso da Prima é porque houbo que refundir parte, reparala, e quedou na parte de arriba algo que poñía «rima». Quedoulle Prima. Temos outra curiosa, á que eu lle chamo «a de Cunqueiro» porque falou dela: a Petra. Antes, as parturientas pedían que se tocase cando había dificultades no parto. Creo que é a máis antiga de Galicia e é a única destas que non ten ningún nome escrito nela pero cando a bautizaron chamáronlle Feliciana Aldeodata de Patrocinio. Outra é a campá da Agonía que se toca cando morre alguén. Nela está escrito Bárbara pero o seu nome é Fructusosa Bárbara de los Dolores. Ao Esquilón Novo normalmente chamámoslle Esquilón e nel está escrito Juan de nome pero rebautizárono como Gonzala Juana de la Expectación. O Esquilón Vello ten o nome de Martina de Jesús María y José. Outra chámase Calenda, pequeniña, e están as do reloxio, Jerónima que dá as horas e Francisca que dá os cuartos.

-Ten ou tivo fillos?

-Non, ese é o meu hándicap. Eu aprendín a tocar con meu pai. Se houbera tido fillos virían conmigo e ao mellor algún se animaba. Pero aínda teño sorte de que a meu cuñado, que é máis novo ca min, gústalle tanto coma min. Realmente... teño un relevo.

-Cal foi o momento tocando as campás que máis o emocionou?

-Vouche dicir realmente. Xustamente, cando non puiden tocala. Tanto no falecemento de meu pai como no de miña nai non puiden tocalas. Sendo os dous especiais para min, e sobre todo meu pai que era o campaneiro.

-Se algún día deixasen de soar as campás, algún diría «temos o WhatsApp». Pero non é o mesmo.

-Se por desgraza un día caen as telecomunicacións, como se vai comunicar a xente? Todavía están aí as campás, aínda poden valer.

«Pódense oír

a catro ou cinco quilómetros de distancia, se se pilla un día con aire»