«Os modelos do desfile serán voluntarios, desde nenos a veciños de 70 e pico anos»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO LOURENZÁ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Lourenzá acollerá mañá un novo desfile de moda e cada comercio aportará 25 modelos

18 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá, Javier Huertas, recoñece que será difícil superar a cifra dos seiscentos participantes que se deron cita o ano pasado no desfile de moda Vilou Fashion. Mañá, domingo, celebrarase a terceira edición do certame, no que participarán seis negocios locais: Zapatos e Complementos Charlot, Eros Moda, Peluquería-Estética Reyes, A&B Outdoor, Moda Conde Santo e Peluquería-Estética Teresa. Colaboran na montaxe e nos preparativos Muebles Huertas, Cabaleiros Xardín, Lucía Fotografía e o Concello. O desfile dará comezo ás 17 horas no recinto feiral e prevese que dure unhas tres horas e cuarto. Ademais de presidente da Acial, Huertas exercerá como presentador do desfile.

-Hai unha terceira ocasión porque as anteriores foron un éxito. ¿Cal é a parte máis positiva desta iniciativa?

-Permítenos promocionar o noso comercio. Ao longo do ano facemos outras cousas para outros sectores, pero iniciativas coma esta permiten axudar a divulgar o noso comercio. A un desfile coma este vén bastante xente e, por outras ocasións, sabemos que o desfile repercutiu tamén nas vendas. Hai xente que incluso vai desfilar e, como se ve ben coa roupa que leva, decide comprala. E logo están os que viron algo sobre a pasarela que lles gustou e despois van ao comercio. Os pobos pequenos non podemos competir cos grandes e por iso temos que coidar o noso comercio.

-¿Contan con modelos profesionais ou son afecionados?

-Os modelos do desfile serán voluntarios, desde nenos das escolas deportivas a veciños de setenta e pico anos. Intentamos axudarnos todos. Ata cambiamos os partidos para pola mañá para que os nenos podan participar con nós.

-¿Cantos voluntarios desfilarán?

-Cada tenda aporta vintecinco voluntarios para desfilar.

-Pero eses son moitos voluntarios, ¿non si?

-Haberá vintecinco modelos por tenda e faranse tres pases alternos. E despois hai que contar cos modelos das perruquerías. A colaboración da xente creo que merece un aplauso. Houbo tendas que lles tiveron que dicir que xa non podían desfilar máis...

-¿E que van sortear?

-Cada negocio deunos un detalle. Durante o desfile venderemos rifas para o sorteo e o que recademos será para a asociación.

-Estará contento coa resposta dos veciños...

-Creo que é unha boa cousa para todos. Ademais de para os negocios, creo que este desfile tamén é bo para promocionar o municipio de Lourenzá. Hai unha cousa que é fundamental; do que se trata é de axudarnos. Aquí, as asociacións poñémonos dacordo para programar actos e non fastidiarnos unhas ás outras. E tamén nos pasa co Concello. Temos que organizarnos para poder asistir a todos os actos. A ruta das tapas da fin de semana pasada foi todo un éxito. E agora, toca desfile de moda.