Benquerida Mar

Carlos Nuevo

A MARIÑA

14 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, nas primeiras horas desta tarde decembrina e chuviosa chégame a triste nova do teu pasamento a través dunha voz amiga. Aínda que sabía da túa longa enfermidade e do mal que o estabas pasando, aínda non son capaz de facerme a idea da túa ausencia definitiva. Un fatal desenlace que todos os teus amigos e amigas tratábamos de negar ou agochar, enganándonos a nós mesmos, coa esperanza de que a ciencia médica se trabucase. Pois ti ben sabes o moito que te apreciabamos por ser como eras: alegre, comunicativa, cariñosa, desprendida, humana e grande amiga. Que baleiro tan grande nos deixas!, pero tamén que grande lección de vida para todos nós e en especial para os teus queridos: Pepe, Uxío e Xoel, así como para túa irmá Inés, a nai, e toda a vosa familia.

Non quero, nestas horas tan significativas estar triste, non lle vou dar o gusto, en absoluto, á fría morte de deixarme derrubar. Quero e desexo facer este supremo esforzo de coutar a pena por ti, pola túa forza vital e optimismo que irradiabas a diario con todos nós, no trato persoal ou a través das ondas radiofónicas, onde ti eras a Voz das mañás, a voz máxica que pintaba o día de cores como o arco da vella na Ría. Porque Mar García, dende o primeiro día en que chegou a Viveiro, en 1985, para facerse cargo da primeira emisora de radio local de A Mariña, naquel momento Antena 3 A Mariña, pertencente ao grupo La Voz de Galicia, sempre estivo disposta a colaborar con calquera que llo solicitase, converténdose nunha viveiresa de corazón e de adopción. Posteriormente, continuaría a súa traxectoria radiofónica en Radio Voz e Onda Cero, ao tempo que traballaba como redactora das páxinas de local na prensa diaria, pois non debemos esquecer que Mar estivo ligada ao xornalismo dende os seus anos mozos de estudante e licenciada na Universidade Complutense. Moitos son os recordos e as anécdotas que se mesturan de repente nos meandros da memoria, desa memoria selectiva dos tempos felices baixo o teu sorrir aberto e xovial. Cantos proxectos e iniciativas temos compartido e, mesmo, pensábamos continuar compartindo! Recordas o día en que presentamos no Conservatorio de Música o último libro do compañeiro e amigo común Miguel Sande, cando antes de comezar falábamos de facer un libro miscelánico de comidas singulares e lugares máxicos propios deste Norte mariño, onde “hay un Mar que es más alto que el cielo, que diría o grande aedo viveirés Carlos Oroza, que tanto che gustaba?

Entre tantas e tantas iniciativas, programas de radio e fío directo e comunicativo que mantivemos ao longo destes anos gardo no fardel dos recordos aquel proxecto tan fermoso como foi a revista Viveiro en Vivo, subtitulada “revista cultural, informativa e frívola”. A publicación, que naceu ao calor da Imprenta Lar e que na que tanto ti como eu temos feito mil e unha falcatruada, chegando a asinar moitos dos artigos con pseudónimos como Marta Rubio ou Carballés, significou naqueles momentos toda unha revolución na localidade, ao ser a primeira que se publicaba a todo color. En fin, prezada Mar, agora que xa formas parte do Alén, ten presente que todas e todos as amigas e amigos que tivemos a sorte de coñecerte sempre te recordaremos co maior dos sorrisos.

Grande aperta, Grande Amiga!