A comarca da Mariña como destino turístico

Alfredo Llano

A MARIÑA

13 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O xoves día 18 ás 17 horas imos presentar na feira de FITUR, en Madrid, as virtudes que ten a Mariña como destino turístico. Ten que ser unha exposición clara, concreta e motivadora para convencer os alí presentes en menos de 25 minutos.

Como todos estes últimos anos, a Mancomunidade de municipios da Mariña acude ó

extraordinario escaparate de ofertas turísticas que é a feira FITUR. Alí concéntrase en dez pavillóns os mellores destinos turísticos que hai no Mundo. Nosoutros estaremos no pavillón número nove compartindo espazo no stand de Galicia. Procuramos, sempre e entre todos, que Galicia e a Mariña sexan coñecidas e recoñecidas empregando todos os medios que temos ó noso dispor.

O turismo é unha boa oportunidade para a Mariña, como recurso económico e tamén como medio de expoñer e dar a coñecer as características globais da nosa Comarca.

Queremos que a xente que nos veña visitar teña o sentimento de querer quedarse a vivir aquí.

Pero claro, si queremos presumir de comarca, temos que vela co convencemento de que está atendida e coidada como se merece e preparada para causar unha óptima impresión.

As infraestruturas con que se atopa o visitante seguro que o sorprenden. Primeiro pola ausencia dunha autovía ou vía de alta capacidade que cruce a Mariña. En segundo lugar o estado lamentable da N-642, que soporta unha densidade de tráfico impresionante ofrecendo unha ampla gama de rebaches que nos lembran tempos remotos en zonas remotas.

Trens turísticos

En FITUR vanse presentar este ano os trens turísticos. Esta opción turística estase aplicando de maneira moi tímida na Mariña. Con respecto a este tema levamos anos reclamado mellores servizos ferroviarios, mellores infraestruturas e trens de cercanías.

De momento o visitante que veña en tren pode vivir aventuras singulares. A aposta or este servizo público é fundamental para favorecer o desenvolvemento económico, cultural e turístico da comarca.

Outra cuestión que nos prexudica é a perda da Área Sanitaria da Mariña. É negativo para os visitantes, pero é moi negativo para a xente que vivimos aquí. A perda de autonomía funcional do hospital de Burela, a perda de servizos, de profesionais, de fortaleza na atención primaria condiciona, sen dúbida á baixa,, o nivel estrutural, social, económico e turístico da Mariña.

Debemos defender e apoiar todos a nosa comarca, ós dezaseis concellos que a conforman, e xerar boas expectativas económicas derivadas do turismo, pero tamén debemos esforzarnos e compartir a responsabilidade de loitar e reclamar melloras básicas para o desenvolvemento global da Mariña. Pode ser unha boa solución para recuperar os case seiscentos habitantes perdidos no último ano.

Alfredo Llano García é o presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña lucense.