«Nos almorzos e nas merendas estase a facer ós nenos adictos ao azúcar»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O viveirense Lucas Requejo lidera unha iniciativa que ensina aos menores a comer máis sano

23 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa van unhas cuantas chamadas ata que Lucas Requejo, responsable do proxecto educativo Ultralimento que vai espallando por Galicia coa axuda de Anpas e colexios, entre outros, contesta: «É que non estaba co móbil, estaba co neno no xantar. Nós nin tele nin teléfono diante. É un momento de centrarse na comida».

-Non adoita ser o habitual, hoxe.

-Eu téñoo sufrido como neno: «Cala, cala que estamos escoitando as noticias». Sempre foi algo que me repateou e tiven na mente, que se algún día tiña un fillo ou filla, teléfono fóra! Tanto no almorzo, como no xantar como na cea, sempre o facemos.

-A verdade é que só nos falta ter televisor no baño...

-Na casa apenas vemos televisión. Foi das cousas que me cambiaron a vida. Eu papei moita.

-Como se desenrolan as actividades de Ultralimento pensando na alimentación dos novos?

-O que facemos é colaborar con médicos, nutricionistas e educadores, produtores... Así imos fundindo todos os saberes. Propoñemos unha alimentación sostible frente ao cambio climático e que os nenos se alimenten ben por saúde e cuestión medioambiental. O discurso é sempre adaptado según idades... Por exemplo, aos de 6 a 12 anos lles explicamos como funciona o noso corpo, o aparato dixestivo, que alimentos son mellores e por que, onde mercalos e como para que non teñan ese impacto medioambiental para o planeta e se vaian preparando a como se van ter que alimentar dentro de 30 ou 40 anos.

-Dise que neste 2018 o vexetarianismo vai estar de moda.

-Non digo que teña que ser dieta vexetariana pero si que hai que ter en conta que non temos que estar comendo tanta carne procesada, que provén moitas veces de granxas con animais estabulados e case sen contacto coa natureza. A conciencia dos nenos tamén ten que ir máis cara o coidado da horta, o aproveitamento.... Repito, non digo que haxa que ser vexetariano pero si que non hai que comer carne todos os días. Moitas veces, na alimentación dos nenos ninguneamos legumes ou cereais integrais cando, xunto cos froitos secos, dannos a proteína que se precisa.

-Almorzos, merendas...

-Resaltamos ese tema sobre todo nos institutos, porque a maioría dos rapaces case nin almorza e cando o fan fano a base de leite con cereais ou leite con galletas... Penso que se están facendo adictos ao azucre. Temos feito reunións para asociacións de pais e vese que temos moi establecido nesta sociedade que hai que almorzar leite con... porque se considera que o calcio vén polo leite. Nos levariamos unha sorpresa se de almorzo poñemos chourizo e arroz con leite e ver que o neno come o chourizo. Ou se lles pos un prato de lentellas, tamén o come. Neste sentido quero nomear a un nutricionista, Aitor Sánchez, e o seu proxecto «Mi dieta cojea». De onde saen os cereais do almorzo? Un 75-80 por cen son azucres! Ao mellor os azucres que se deberían tomar son os naturais que se atopan en froitas, froitos secos ou cereais tipo arroz integral, trigo sarraceno... Todo iso, sen embargo, non o cuestionamos e todos os días almorzamos o mesmo.

-Alternativas sanas, entón.

-Irse a cereais integrais, a través do pan integral ou dun arroz integral con leite, cremas de améndoas ou de sésamo. Por exemplo, 100 gramos de sésamo teñen máis calcio que un litro de leite. O sésamo é unha semente e convén masticala ben ou facer a crema tahini. Unha tosta de pan integral con esa crema e un chorro de mel por riba, á maioría dos nenos encántalles. Tamén é importante desfacernos da comodidade de mercar alimentos industrializados e apostar máis por alimentos no seu estado natural ou dedicar un tempo a preparar conxuntamente unhas galletas, un biscoito ou unha crema... facelos partícipes na cociña. Nós falamos dos almorzos e das merendas porque hai demanda e vemos deficiencias neses xantares. Podo comentar algo máis?

-Adiante!

-Ultralimento tamén é un superheroe que viaxa por Galicia a combatir virus da obesidade, cancro, diabete... Esa idea foi de Teo, o meu fillo, ao que lle contamos todos os días o conto de Ultralimento superheroe. ‘Papá, tes que contar moitos contos para axudar aos nenos’, díxome.