Goberno Municipal do PSOE: 3 anos de promesas incumpridas

Mario Pillado VOCEIRO DO BNG EN BURELA

A MARIÑA

18 may 2018 . Actualizado a las 21:00 h.

Atopámonos ás portas do último ano da actual lexislatura, iniciada en xuño de 2015, e desde o BNG cremos que é tempo de abondo para facermos balance das políticas levadas a cabo polo actual goberno municipal en Burela. Se ben é certo que nas eleccións locais de maio de 2015 se produciu un cambio político en Burela, non é menos certo que esta mudanza non supuxo unha mellora substancial na prestación dos servizos básicos, na aplicación de políticas sociais e de emprego ou na humanización de espazos públicos na nosa vila.

A remunicipalización dos servizos de limpeza, auga e lixo foi unha das principais promesas eleitorais do PSOE e a día de hoxe, tras case 3 anos de lexislatura, non foron quen de recuperar a xestión de ningún destes servizos. O goberno municipal tivo xa varias oportunidades para mudar o modelo de prestación, ao finalizaren os respectivos contratos coas empresas concesionarias da limpeza de instalacións municipais e recollida de lixo, mais lonxe de recuperar a xestión pública destes servizos, o PSOE optou por consolidar a xestión privada, incumprindo medidas do seu propio programa de goberno.

Xa no inicio da actual lexislatura, o goberno municipal tivo unha oportunidade de ouro para aplicar o seu programa de goberno, remunicipalizando o servizo de limpeza das dependencias e instalacións municipais, unha vez rematado o contrato da anterior adxudicataria. O goberno do PSOE só precisou uns meses para incumprir unha parte destacada do seu programa electoral e no canto de recuperar a xestión pública do servizo, optou por hipotecar o concello a catro anos sacando unha nova concesión por importe duns 800.000 euros.

Os orzamentos municipais de 2016-2017 foron totalmente continuístas, e os orzamentos para 2018 non melloran os anteriores, estando hipotecados polo alto gasto en servizos básicos privatizados (auga e lixo) e cunha importante redución dos investimentos. Mentres as empresas concesionarias continúan a engordar os seus beneficios, os veciños e veciñas de Burela pagan unhas das taxas máis caras de Galiza por conceptos como a recollida do lixo ou o abastecemento de agua, cunha prestación moi deficitaria destes servizos e mesmo incumprindo as condicións do contrato, como aconteceu coa empresa Celta Prix.

Desde o BNG entendemos que se estes servizos fosen asumidos e xestionados polo Concello, melloraría substancialmente a súa prestación e as arcas municipais veríanse moi beneficiadas ao aforrar os custos derivados da concesión. Deste xeito, poderiamos destinar este aforro a outras partidas orzamentarias como servizos sociais, un plan de emprego ou diversas inversións en materia de urbanismo, mobilidade e humanización dos espazos públicos. Estas xestións contarían en todo momento co aval dos informes técnicos preceptivos sobre a viabilidade, custo e aforro que suporía a remunicipalización dos servizos básicos.