«Os corredores recibirán o aplauso de moita xente na Burela Bonita»

La Voz

A MARIÑA

A terceira proba do Circuito Tour Mariña de carreiras populares celebrarase o próximo sábado 21 de xullo

15 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«A carreira nocturna Burela Bonita nace no ano 2016 coa idea de dar cabida en Burela a unha proba do deporte do running que tan de moda se puxo nos últimos tempos, ademais de tentar mellorar a oferta de actividades de Burela no verán. A idea inicial era a de facer un percorrido urbano para que todos os veciños puideran disfrutar da proba. É verdade que facer un percorrido urbano por Burela non é fácil e o ano pasado decidimos darlle un cambio e aproveitar o mesmo para poder amosar zonas máis bonitas, como pode ser o porto ou o paseo marítimo (o percorrido pasa polo lado da Praia urbana) e tentar causar as menos molestias posibles en canto a corte de rúas, nesta edición repetimos percorrido despois de que os corredores que participaron o ano pasado nos felicitaran polo cambio feito», lembra Ramiro Fernández Rey, concelleiro burelense entusiasta e entregado que vive con paixón cada acontecemento deportivo na súa vila. El foi uns dos impulsores da proba que o próximo sábado discorrerá polas rúas de Burela e puntuable para o Circuíto Tour Mariña de carreiras populares.

-¿Chega con novidades esta terceira edición?

-O obxectivo deste ano é o de seguir medrando como proba e por iso decidimos incluír as carreiras de nenos nos mesmos horarios que as dos maiores. O ano pasado as categorías menores correron pola mañá, pero este ano o farán pouco antes das carreiras absolutas, que botarán a andar sobre as dez da noite.

-Nas distancias non hai cambios.

-Non. Para os adultos hai dúas distancias, 5 e 10 quilómetros, sobre o mesmo circuíto. Outra das novidades este ano é que imos dar premio aos mellores de todas as categorías. Para os nenos a inscrición é gratuíta e as categorías serán catro: pitufos, sub-10, sub-12 e sub-14. Na proba absoluta recibirán trofeos os mellores sub-18, sub-20, sub-21, sénior e máster 1, máster 2, máster 3 e máster 4. A maiores, os campións absolutos en homes e mulleres recibirán 100 euros e os segundos, 50. Tamén premiaremos con 100 euros e trofeo aos mellores clasificados locais. Convén recordar que para os maiores a inscrición só custa 8 euros e inclúe o seguro, a bolsa de corredor e a camiseta da carreira.

-E un ano máis, a saía e a meta estarán na Praza da Mariña.

-Así é. Os corredores subirán a Rúa Pardo Bazán, Eijo Garay, Porto, Avenida da Mariña, Casas Baratas, Castelao e chegarán de novo á Praza da Mariña onde faremos a entrega de trofeos. Dicir que ese día a partir das nove da noite a circulación por esas rúas vai estar cortada con motivo da proba para garantir a seguridade dos corredores.

-Xa rondan o cento de inscricións. Non está nada mal.

-Oxalá que este ano superemos a participación de anteriores edicións e podamos seguir organizando esta carreira en próximos anos para consolidala como un clásico estival na Mariña. A inscrición estará aberta na páxina web www.championchipnorte.com ata o día 19 de xullo. Desde aquí animo a todo o mundo a participar, xa que seguro que disfrutarán dun recorrido moi bonito e recibirán o aplauso da moita xente que noutras edicións saíu ás rúas para animar aos corredores.

-¿Quere engadir algo máis?

-Dar a grazas a todos os colaboradores pola súa aportación e á Deputación de Lugo que é a gran patrocinadora da carreira. Tamén, por suposto, agradecer a colaboración dos voluntarios que aportan os distintos clubs deportivos de Burela, xa que sen eles non sería posible facela, e o traballo de Protección Civil, Policía Local e operarios de obras do Concello.

especial