A residencia de maiores de Ribadeo

Plataforma por residencia de mayores de Ribadeo

A MARIÑA

JOSÉ ALONSO

25 nov 2018 . Actualizado a las 21:34 h.

Hai xa case oito anos, a finais de 2010, que unha tarde Juan do Espín máis eu fomos cabo de José María Rodríguez na procura de apoio para unha necesidade que sentíamos no pobo e que se manifestaba mesmo nas nosas familias: un coidado mellor e máis próximo para os nosos maiores.

José María recolleu o guante e de aí a cousa botou a rodar. O Tesón convocou ás asociacións, e o apoio das asociacións de veciños á Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo foi unánime, tanto no social como no económico.

Comezaba un longo camiño, pois aínda ano e medio máis tarde, o 22 de abril de 2012, vimos a necesidade de convocar unha manifestación para empurrar o proxecto. Unha manifestación que tivo unha resposta multitudinaria e inclinou as resistencias que puidera haber, coa xente facendo súas unhas consignas que sentían, como «por ti e polos teus, residencia en Ribadeo».

Dese día en diante foi claro que o que se estaba a pedir tiña milleiros de persoas detrás: a xente de Ribadeo.

Adoptouse entón o acordo do pleno do concello, que levou o sentir e querer do pobo ás institucións que nos cadran un pouco máis lonxe creando a comisión municipal, na que tamén participamos José María e máis eu.

Así, a Deputación de Lugo embarcouse tamén neste proxecto conxunto ata levalo a bo porto xunto co concello de Ribadeo, e ambos sendo conscientes de que tiñan detrás, e seguen a ter, o apoio dun pobo.

Foi esa a continuación do longo camiño no que a forza da sociedade estivo sempre detrás dos nosos representantes na administración para ir cumprindo etapas. Dende a Plataforma cremos que debemos dar as grazas a todos os participantes, pero os de Ribadeo, ó fin, son, somos, como unha gran familia, somos nós mesmos; por iso as grazas deben ser máis patentes para quen recolleu o guante fóra de Ribadeo, contribuíndo a que as nosas institucións a nivel provincial se comprometeran.

Moi atrás quedou xa unha data: o 24 de xuño de 2014, día da colocación da primeira pedra da residencia. Atrás quedaron tamén diversos problemas e complicacións.

Hoxe, 24 de outubro de 2018, catro anos despois, estamos aquí coa residencia a punto. Si, faltan papeis, sinaturas para o funcionamento, cuestións administrativas... aínda se tardará tempo en ver ós nosos maiores desfrutando nestas instalacións. Mais dende a Plataforma esperamos a chegada dun bo futuro.

Iso si, un futuro no que todos seguiremos a ser necesarios. A tarefa non remata hoxe coa xornada de portas abertas, nin cando a inauguración permita ver a xente dentro.

Sinxelamente, non remata: o compromiso cos nosos maiores e cousa de todos, todo o tempo.

Intervención de José Antonio Ares, portavoz de la Plataforma pro residencia de mayores de Ribadeo, el sábado en el acto de puertas abiertas en el que se mostraron por primera vez las instalaciones.