«Fixen sempre unha oposición tranquila, seria, noble, traballando por Viveiro»

«Digo as cousas como as sinto, sempre a verdade, é como me educaron; ademáis, son docente», afirma Antonio Bouza, presidente do PP de Viveiro


VIVEIRO / LA VOZ

O sábado á mañá falei con calma con Antonio Bouza, que acaba de renunciar por vontade propia a ser o candidato do PP á alcaldía de Viveiro. Foi unha conversa longa, que tratarei de resumir coa maior fidelidade. Bouza, 52 anos, é mestre de inglés no colexio Lois Tobío. Chegou a Viveiro dende A Pontenova, de onde é natural, van xa 30 anos, «e non por casualidade», como apunta. Sempre exercendo a docencia (e, engado, a decencia, ata o final: coa sinceridade e a responsabilidade como denominadores comúns da súa personalidade). Afiliouse ao PP, lembra, no ano 92 e no 2003 César Aja deulle a oportunidade de entrar na política ao cargo das áreas de Educación e Deportes. Despois, polas diversas circunstancias, sería xa o candidato popular nas eleccións do 2015 obtendo cinco concelleiros. Quedou como portavoz do PP e líder da oposición. Agora, como saben, vén de renunciar a repetir como cabeza de lista, aínda que sigue como portavoz e concelleiro na corporación local ata maio e como presidente do comité local.

«Doído non estou. Pasei por tres fases: unha primeira de dor, porque levas traballando moitos anos polo partido e gustaríache ver rematado o proxecto; unha segunda de rabia porque dis, xa vale, por como se fixeron as cousas, e unha terceira fase de riso, de felicidade, pola familia. Pero doído non; entendo que busquen outro candidato, ese non é o problema; o problema é como se fixo, sen falar comigo. Eu digo as cousas como as sinto, nunca falseo, porque así é como me educaron, e como docente que son debo ademais de dar exemplo. Meus pais así mo ensinaron: ti tes que dicir sempre a verdade, e esa é a premisa da miña vida. Xa digo, non estou doído por non ser o candidato, porque ninguén é insustituíble. Non, a miña conciencia está tranquila: fixen sempre unha oposición seria, noble, traballando por e para Viveiro».

Nótaselle esa sinceridade cando fala, a honestidade do que pensa nas súas palabras: «Defraudado co mundo da política? Mira, eu son mestre. Levo na docencia 30 anos; vivo do meu traballo. Estou afiliado ao PP dende o 92 e no 2003, como dixemos, xurdiu a oportunidade de traballar con Aja, quen me ofreceu as áreas de Educación e Deporte. E díxenlle entón que si porque pensaba que podía facer un bo traballo. Entrei na política para contribuír a mellorar as cousas. Despois veu a ocasión de ser candidato e foi todo un pouco por azar, pero asumín os retos con responsabilidade. Dio a miña muller, que son demasiado responsable. Non sei, pero Viveiro acolleunos de marabilla e quixen traballar por Viveiro desde o primeiro momento. Defraudado? Na política, como nos demais aspectos da vida, hai de todo; moito xogo de intereses. Pero eu trato de aplicar tamén no traballo en política o sentido común, sempre facendo o mellor para Viveiro e, ás veces, ata sen facer moito caso ao partido». «Quédome sempre co positivo -conclúe Antonio Bouza-; no mundo da política coñecín a moitas persoas, vivín experiencias novas, e quédome con iso, con todo o positivo. Son optimista, dialogante, colaborador. O rencor non é constructivo». Apunto aínda unha última reflexión de Bouza a propósito desa súa renuncia: «Aquí, no comité e no PP de Viveiro, vivíamos tranquilos; con diferenzas de criterios, normais, pero sempre tiven un apoio absoluto, que agradezo. Non contabamos con este escenario que se deu (que o partido buscase outro candidato e contactara con algunha outra persoa). Entón, disgusto? Si, porque non se respectou ao comité local. Pero se entenden que hai que buscar outro candidato, sen problema (lamenta que non llo dixeran); nada de conflictos; o que menos conta son eu, Antonio Bouza. Para ser candidato hai que ter as catro patas dunha cadeira como apoios e a min faltábanme dúas, a do partido a nivel provincial e a nivel autonómico. Nada mais».

«Para ser candidato hai que ter as catro patas dunha cadeira como apoios e a min faltábanme dúas»

«O candidato ten que ser alguén con recorrido, xa con experiencia, e de dentro do partido; non hai tempo»

O comité electoral encargado de buscar un candidato para o PP que opte á alcaldía de Viveiro, celebrou xa onte á tarde a súa primeira reunión. Déronse un prazo de quince días. Dese comité forma parte o propio Antonio Bouza, como presidente e portavoz; Jaime de Olano, deputado, e Celestino García, a máis doutros cinco membros.

Cal é perfil do candidato/a que buscan? Explícao Bouza: «Ben, eu entendo que debera de ser alguén que teña xa unha idade, alguén con certo recorrido e con experiencia, entre outras cousas porque non hai demasiado tempo ata maio. E tamén no meu parecer, alguén de dentro do partido. Pero é a miña opinión, o que eu defendo; haberá que ver o que decide e acorda o comité».

 

«Xente con capacidade»

Pregúntolle, home ou muller? «Xente con capacidade -responde-, iso das cuotas dá igual. O que hai que buscar é xente con capacidade, sexa home, sexa muller». Tampouco elude Bouza falar de nomes. Apúntolle: Jaime de Olano. «Jaime ten un espazo gañado xa no Congreso, onde está a desenvolver una boa labor, está facendo o seu traballo moi ben. Pero ao final xa se verá porque, insisto, isto é o meu parecer». Mariña Gueimunde: «Ela e nós temos que pensar no presente e no futuro, e non no que pasou tempo atrás; mirar cara atrás non vale de nada. Hai que mirar cara adiante. E Mariña é un valor». «Isto é Viveiro, iso é o que temos que pensar. E ter un proxecto para un pobo marabilloso, unha cidade e un concello que poden mellorar moito. Eu tiña en mente mellorar Viveiro, non outra cousa, e dábame oito anos para iso e listo. Son mestre e, por tanto, gústame todo ben programado. Non puido ser, pero agora hai que intentar que o faga o novo candidato/a que saia», sinala.

«O aspecto de Viveiro é moi mellorable; leva acumulado problemas desde hai moitos anos»

Tamén lle preguntamos a Antonio Bouza por Viveiro, naturalmente. Esta é a súa visión: «O aspecto de Viveiro é mellorable. Leva acumulado problemas desde hai xa moitos anos, desde o 2003. Poderiamos falar de infraestruturas: sen variante, sen vía de alta capacidade; hai que ver como está o tren. A ría. Vese certa desidia por parte de todos, pero tamén digo que se eu son alcalde de Viveiro, na Xunta ían aburrirse de verme alí, e ían atenderme só por aburrimento. Non se pode xestionar a base de enviar cartas. Non. Só se mira o centro; as parroquias están abandonadas; eu percorro as parroquias e dimo a xente. Viveiro necesita un cambio a fondo. Os que veñan nestas eleccións do 2019 que traballen por Viveiro, só pido iso. Viveiro é un lugar marabilloso, a min cativoume e se vin hai xa 30 anos e decidín quedar aquí, é por algo».

Finaliza: «Non se pode vivir só de dous ou tres acontecementos, deses réditos, que ademais son mérito doutros: a Semana Santa, o Resurrection, son eventos nos que traballa outra xente, iniciativa doutros, que teñen -sen dúbida- moito mérito. Ou do turismo uns meses ao cabo do ano. Hai que facer moito máis por Viveiro porque ten posibilidades».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Fixen sempre unha oposición tranquila, seria, noble, traballando por Viveiro»