Os GES, un servizo para atender as necesidades da cidadanía

Alfonso Villares OPINIÓN

A MARIÑA

13 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Acreación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) foi unha decisión acordada no seu día por todas as administracións ?locais, provinciais e autonómica-, como unha aposta baseada na cooperación sendo máis que acertada dado o traballo fundamental que desenvolven en beneficio de toda a comunidade.

Integrados en 28 unidades e con máis de 300 efectivos, é indiscutible que ocupan unha posición inequívoca tanto no mapa de emerxencias, como en materia de prevención e apoio ás entidades locais, dando cobertura a máis da metade dos municipios galegos.

Neste contexto, resulta primordial que estes traballadores que están sempre preparados para atender calquera situación de risco que se produza no seu ámbito de actuación, sigan a exercer esa colaboración directa e estreita coa veciñanza, e cos concellos dos que dependen, en todos aqueles aspectos que son de competencia local e actuando, primordialmente, nas cuestións que poidan comprometer a seguridade e a salubridade das persoas e do medio ambiente.

As funcións a realizar polos GES son variadas: labores de roza e silvicultura preventiva en terreos forestais de titularidade municipal ou de dono descoñecido e en parcelas abandonadas; retirada de animais feridos, mortos ou abandonados; sinalización do tráfico e colaboración coas autoridades competentes en materia de protección civil en situacións de concentracións de persoas en actividades deportivas, culturais ou sociais, e colaboración coas entidades locais en todo aquilo que demanden estes eventos; eliminación de niños de vespa velutina; limpeza de vertidos plásticos ou árbores en vías públicas; actuacións en materia de prevención e extinción de lumes forestais e urbanos no ámbito da súa demarcación; atención de situacións de emerxencias derivadas de riscos naturais; mantemento da rede de estradas e das vías de comunicación…

Este amplo abanico de funcións constata a necesidade de seguir a contar cos GES que por suposto teñen que atender, con carácter prioritario, calquera situación de emerxencia que se produza, pero que tamén teñen que servir de axuda noutras situacións de necesidade para o concello porque a optimización e a racionalización do gasto público é compatible, tal e como vimos comprobando trala experiencia acumulada en todos estes anos, coa xestión eficiente dos recursos.

Temos que poñer en valor, pois, esa dobre vertente nos cometidos dos GES: unha función principal como brigadas de apoio ás emerxencias e, en segundo termo, a de reforzo para dar resposta ás necesidades da veciñanza e das entidades locais nos diversos quefaceres que vimos de apuntar.

O seu é polo tanto un traballo esixente, de gran valor para a comunidade e que debe desenvolverse nun marco no que prime tamén a súa seguridade. Neste senso, os representantes do municipalismo estamos a valorar, dando cumprimento a ese precepto que se recolle no Estatuto dos Traballadores, a posibilidade de establecer xornadas de traballo en quendas de 8 horas no canto de 24 horas como se está a facer na actualidade, tanto como medida de protección laboral para o seu día a día, como porque favorecerá tamén a calidade do servizo.

*Alfonso Villares é vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias