«Estou desexando correr en Cervino, a montaña que aparece no Toblerone»

Lucía Rey
lucía rey XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

Susana Gallego, avogada de Xove e ultrafondista, comezou a facer «trails» con máis de 30 anos e «determinación» é a súa palabra

18 feb 2019 . Actualizado a las 07:56 h.

Confesa que sempre lle gustou correr e a montaña, pero non foi ata ben pasados os trinta cando se animou a combinar estas dúas paixóns facendo trails (carreiras de montaña) asumindo desafíos extremos. A mariñana Susana Gallego Fernández (Xove, 1981) ten por diante este ano media ducia de retos que poderían «estar ao alcance» de moita máis xente da que se cree, segundo destaca.

-Para quen nunca escoitou falar de vostede, quen é Susana Gallego Fernández?

-Unha persoa normal e corrente, pero con moita paixón por todo o que fago. Tanto no traballo como na miña vida persoal. Non fago nada que non me apaixone. Necesito esa motivación e é por iso polo que creo que as cousas me saen mellor.

-Naceu en Xove, pero vive actualmente en Valencia...

-Nacín na parroquia de Sumoas, pero logo fómonos a Palmeiro, onde medrei. Son avogada, fixen Dereito, e logo entrei no banco Pastor, Popular, Santander..., e agora estou traballando nun fondo de inversión do Banco Santander en Valencia, despois de estar en Málaga e en moitos outros sitios. Ademais estou facendo un máster en Fiscalidade e Tributación porque son unha cabeza inquieta, encántanme investigar.

-E como empezou a participar nestas carreiras?

-A montaña encantoume sempre, pero nunca me dera por facer trails e cousas máis grandes. Pero chega un punto na vida no que te coñeces máis a ti mesma e pensas: «Se podo soñalo, podo vivilo». Sempre cres que non podes facelo porque ves a outros que están moi preparados, que viven diso..., pero se tes determinación podes. As distancias de ultrafondo cámbianche por completo a visión da vida. Cando corres cen quilómetros aprendes a falar con deus e contigo mesma.

-Non se lle pasa nunca pola cabeza abandonar cando corre?

-Aínda que te apaixone, hai un punto no que pensas que que fas aí porque sentes dor muscular, físico..., pero segues adiante, chegas e é súper gratificante. Son carreiras nas que estás susceptible polo contacto coa montaña, polo que estás facendo... e falas moito contigo mesmo, así que aprender a ter determinación, que para min é a palabra que define o ultrafondo. Sabes que queres algo e vas sufrir, pero que o vas conseguir.

-Cal é a carreira que ten marcada en vermello no calendario?

-Este ano estou desexando correr en Cervino (Suíza), a montaña que aparece no Toblerone [chocolatinas] e que está ao lado da ultra do Mont Blanc, e na que hai que crestear pola zona de arriba. A xente pensa que somos un locos, que morremos, e non é así. Ma montaña non hai rivalidade, hai compañeirismo de verdade porque todos compartimos sensacións e non se deixa a ninguén atrás.

«Intento comer de todo e moito, pero moi san, nada de produtos con conservantes»