Como Tezanos conta aos mariñeiros na Mariña

Mercedes Rodríguez Moreda

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

22 feb 2019 . Actualizado a las 13:40 h.

Dicía (e di) un amigo meu do Campo que o que é medible non é opinable. Certamente concordo con esta máxima, pero para tal fin, e para comparar algo, teremos que tomar sempre datos homoxéneos. Ás veces os contos das tabernas non dan coas contas da lonxa e isto é porque para opinar e sustentar as afirmación convén medir primeiro.

Esta falla de homoxeneidade vémola nunha recente comparanza que certo grupo político emite días atrás acerca dos datos de empregados da pesca na Mariña. Collen a poboación activa, a empregada, os datos do Ocupesca que saca a Consellería e mesturan todo, sacando as conclusións que lles parece. Pois alá eles, pero moi científico non parece. Digamos que iso ven sendo coma tomar a medida total da extensión do tarreo, comparala co que temos sementado a fabas e acabar comparando a primeira cifra coa produción de patacas...

Por contra, a fe de ser serios e rigorosos, deberemos volver a medir os datos de forma homoxénea e sacaremos conclusións máis certeiras e rigorosas. Empecemos pola poboación activa na pesca mariñana. Ben certo é que vai a menos, e non é algo illado nin senlleiro da nosa comarca. Mesmo o Xapón ten casos de patróns embarcados con 70 anos por falla de relevo xeracional. Mais tamén ten que ver coa falla de entrada de persoal doutros puntos do planeta que noutrora permitiron aos nosos barcos saír ao mar. Pero iso é outro tema que deberán explicar en Madrid.

 

Os primeiros pasos

Para o relevo xeracional cremos que cómpre ter dous pasos porque os embarques xa non van (afortunadamente) por levas forzosas coma nos tempos das Armadas de Felipe II. O primeiro paso é que que as persoas se formen, e niso vemos como as matrículas nas escolas náutico-pesqueiras medraron nun 46% desde 2009. O seguinte paso é achegar a ese persoal formado (máis de 1.500 persoas neste período) ao mundo da pesca, e para iso hai xa experiencias coma a da formación dual de Celeiro ou bos exemplos de armadores que a título individual tratan de formar a súa xente. Queda moito por facer, é ben certo, pero para conseguir solucións hai que dar pasos, e estes son os primeiros.

Se pasamos á poboación ocupada no mar, temos por certo que ésta baixa en Lugo entre 2015 e 2017, pero como tamén é certo que hoxe temos 64 tripulantes máis andando ao mar que en 2011. Incluso se nos vamos á afiliación ao Réxime Especial do Mar, que pode medir o dinamismo do emprego ligado ao mar, vemos como se atopa estable na nosa provincia desde xaneiro de 2015.

Se estes datos son malos e imos en caída libre...como se pode etiquetar aquel período 2005-2009 cando perdíamos 100 afiliados cada ano?. Se rebaixando esa cifra de caída nun 68% e estabilizándoa desde hai catro anos é malo, antes non me atrevo nin a poñerlle nome...

En todo caso, como quen canta é a rula, creo que os datos que si que cantan é cando vemos como a cifra de facturación das lonxas da Mariña vai subindo de forma xeral, e como ese volume de vendas medrou nun 30% entre 2008 e 2018. E digo eu que algo terá que ver que a cota da merluza en Gran Sol e Francia, principal especie nas lonxa mariñanas e para a nosa principal flota, a de pincheiros en augas NEAFC, teña medrado nun 173% desde 2009...

 Aquel temporal amainou

Sen dúbida, esta cuestión axudou a relativizar a suba do prezo do gasóleo, polo que se protestou (non sei se o recordan) en 2008. Quen daquela protestaba non o facía tanto por que subía (como tamén subía para camioneiros, taxistas, repartidores e mesmo para cada un de nosoutros), senón porque non había «haber» para tanto «debe».

Xa que logo, frear aquela caída libre costou, pero ben é certo que hoxe aquel temporal xa amainou bastante. E iso, como ben digo, pódese medir, pero débese facer de forma homoxénea a rigorosa. Se non, miñas donas e meus cabaleiros, neste estado da cuestión xa non sei se a ese grupo político lle pasou os datos Tezanos ou se os criterios xerais da cociña do CIS os estenden a toda medición.

 Mercedes Rodríguez Moreda é Directora Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar