Santi Chao pedalea xa polo Camiño Norte na súa nova xesta pola doazón de órganos

Lucía Rey
LUCÍA REY VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

FACEBOOK SANTI CHAO

Tras saír de Francia, o viveirense transplantado de corazón empatou a ruta desde Lannion coa ruta xacobea

18 jun 2019 . Actualizado a las 21:24 h.

A nova xesta de Santi López Chao (Ourol, 1972) para promover a doazón de órganos marcha vento en popa. Este veciño de Viveiro transplantado de corazón no 2001 tras un grave accidente de moto pedalea xa polo Camiño Norte despois de completar desde Lannion máis de mil quilómetros da Velodysee, unha espectacular ruta cicloturista que atravesa Francia de norte a Sur. «A idea era facer hoxe [polo luns] algún quilómetro máis, pero rompín un radio da roda traseira, houbo que buscar onde cambialo, botouse a tarde encima e o día de onte [polo domingo] fora tamén moi duro, así que non estabamos para moito máis», colgou o activista nas súas redes sociais desde Irún, a onde chegou na décima etapa deste reto persoal que arrincou o día 8 en Lannion, cidade francesa irmandada con Viveiro desde o 1995, e que polo momento o levou a pedalear xa por Nantes, Pornic, La Rochelle, Soulac Sur Mer, Cap Ferret, Leon, Capbreton, Bayonne ou Biarritz. Acompáñano na aventura Andrés Piñeiro, de Xove, con que fixo a Transpirenaica no 2018, e outros dous rapaces de Xove que son irmáns, David e Jacobo Díaz. «Aínda que por agora nos choveu varias veces, e fixo moito frío, logramos salvar os días e cumprir co obxectivo dos quilómetros diarios compensando uns días con outros», sinalou.

Frío, algún pinchazo e uns chourizos «de lo mejorcito» levados desde unha carnicería de Covas

Días de choiva e frío, combinados con outros nos que houbo que solucionar algún pinchazo ou algunha avaría na bici, van formando parte do anecdotario do novo reto solidario de Santi López Chao, que promociona a doazón de órganos e a importancia do deporte (https://deporteytrasplanteespana.com/) e se mostra moi agradecido cos patrocinadores (Concello de Viveiro, La Vivariense, Viveiro Bikes e unha carnicería viveirense). Nunha das etapas máis duras, desta última resaltou: «Por certo, ben deitamos da Carnicería Juan de Covas, que nos meteu nas alforxas comida para uns días. Chourizos de lo mejorcito!».

Recepción oficial con autoridades de Lannion

O alcalde de Lannion, a concelleira de Deportes, membros de asociacións deportivas e prensa recibiron de maneira oficial a Santi Chao e aos seus compañeiros no arranque do reto na cidade francesa.