Pénjamo

miguel vila pernas (www.cunqueiro.es) CUNQUEIRIANA

A MARIÑA

09 dic 2019 . Actualizado a las 21:18 h.

Veño de pasar unha semana na cidade mexicana de Guadalajara, formando parte da delegación de escritores e ilustradores que representaron a Galicia na Feira Internacional do Libro, e tiven oportunidade de preguntar aos tapatíos polo seu coñecemento do pénjamo e falarlles do noso doce. Todos saben alí da canción de Pedro Infante, pero nin lles soa o biscoito de aceite e anís típico da Mariña. Tampouco o coñecían outros integrantes da delegación galega, lugueses uns e pontevedreses outros, o que me reafirma na idea de que se trata dun produto endémico mariñao. Este doce, delicioso e tan noso, seguro que o comeu con frecuencia Álvaro Cunqueiro, xa que o mesmo aparece nun dos dez cadernos de receitas de Elvira González-Seco, muller do escritor, parte das cales están publicadas no libro «A cociña dos Cunqueiro». Elvira cualifica a receita con 8 sobre 10 e propón modificacións, substituíndo o anís por codia relada e zume de laranxa, de maneira que o pénjamo deixaría de ser o que é. Non atopei referencias ao pénjamo na literatura de Cunqueiro, pero igual ese é o biscoito que lle pedira a Penedo de Rúa o corvo falador que o aconsellou non fiarse do seu avogado. O de Rúa fíxolle caso ao corvo, cambiou de avogado e gañou o preito no que estaba e, por consello do avogado, agasallou ao corvo con medio ferrado de trigo e a monteira que o animal pediu. Tamén quería un biscoito, pero a historia, que poden ler en «Xente de aquí e de acolá», non aclara se o recibiu nin se era ou non un pénjamo. En Guadalajara, xa o dixen, nada saben do doce. O que aínda non dixen é que a cidade mexicana de Guadalajara foi, nos tempos da colonia, capital do Reino de Nueva Galicia, no que tamén estaba integrado o actual estado de Guanajuato no que se atopa a cidade de Pénjamo. Cousas da vella e da nova Galicia.