O PSOE de Viveiro, boas palabras, ningún feito

Míriam Bermúdez BNG DE VIVEIRO

A MARIÑA

21 sep 2020 . Actualizado a las 20:50 h.

Para todxs aquelxs que a día de hoxe aínda non entenden porqué o PSOE votou en contra dunha moción que pretendía dar pequenos pasos para converter Viveiro nunha vila amable coas bicicletas, fágolles chegar algún dos argumentos que se escoitaron durante a sesión plenaria, xa que as gravacións dos plenos son inintelixibles.

 A iniciativa máis empregada para dar solución ás bicicletas cando nun lugar non é posible instalar un carril bici por falta de espazo, son as denominadas ciclorrúas, que non consiste mais que en pintar no centro do carril -de doble sentido ou non- un símbolo dunha bicicleta que indica que as bicis teñen preferencia total fronte ao resto de vehículos, e que os conductores deben ser responsables nos adiantamentos asegurando a distancia obrigatoria de 1,5m. Segundo o concelleiro do PSOE de Viveiro, César Iglesias, non se poderían instalar xa que non hai víais de dous carrís para o mesmo sentido e estaríase, literalmente  “facendo que a circulación de automóviles fose excepcional acarreando máis prexuicios que beneficios”. Alguén ten merecida unha viaxe para aprender de cidades como Zaragoza, Torrelavega e tantas vilas de Euskadi, Catalunya e Europa en xeral.

 Outra das solucións propostas, son esas zonas pintadas diante dos semáforos nas que motos e bicicletas se poden colocar primeiro. Para algún, non están recollidas no código de circulación… Pregúntome se Compostela ou Barcelona son conscientes da ilegalidade das súas zonas avanzadas de espera, que atrevemento! Tamén se propoñía limitar a 30km/h as zonas urbanas tal e como recomenda a DXT, e xa sabemos todxs que pasa coas recomendacións… que ao pouco se volve norma e por iso xa son máis de 17 cidades no Estado as que están instaurando este límite entre elas A Coruña. Por certo! a Avenida da Mariña no seu paso por Viveiro xa está límitada a 30 km/h.

 Pedíase tamén a instalación de máis aparcabicis, pero resulta que literalmente “temos de sobra e aténdense todas as solicitudes”, todas menos a do BNG de hai máis dun ano na que pedíamos a instalación de aparcabicis nas praias e paseo de Covas, zonas que a día de hoxe aínda están sen eles, por non mencionar o ambulatorio, o propio casco de Viveiro, ou mesmo en Cantarrana. Ollo que esta de Cantarrana tamén é a estrada que mais accidentes rexistra de toda A Mariña, reafirmada a tolería de reducila a 30 km/h.

 

 

Xunto cos aparcabicis tamén ía a proposta de permitir amarrar a bici a unha farola, unha sinal… Por un momento breve e sempre sen obstaculizar a circulación de peóns, para permitiren chegar á porta do establecemento ao que tes que ir a facer os recados fomentando así o comercio local tal e como avalan diferentes estudos, mais a desculpa para votar en contra e que se “deterioraría o mobiliario urbano”. Arrimar a bici a unha parede, menudo acto vandálico!

 Caeulles tan mal esta moción nosa, que nin estiveron dacordo no punto de crear a comisión na que participasen asociacións interesadas (veciñais, deportivas…) do municipio, así como a un membro de cada partido politico. Resulta que se tiña que ter feito antes do pleno. Falta de información é o que salta á vista, pois o único cargo que ten a potestade para convocala é o alcalde ou alcaldesa.

 

Por falta de tempo non foi, xa que se entregou o texto desta moción a todxs xs portavoces dos grupos políticos con dous meses de antelación, e cunha actitude totalmente propositiva e colaborativa na que estabamos dispostxs a consensuar o texto, mais nada se soubo do PSOE até o día do pleno onde se opuxeron a todos e cada un dos puntos desta moción.

 E con esa mesma actitude agardamos que sen máis dilación, a señora alcaldesa María Loureiro, convoque a ansiada comisión que solicitamos de novo o 5 de agosto na que sentarnos a buscar as mellores solucións para transformar Viveiro nunha vila máis humana, con menos ruído e contaminación, en denifitiva, mellorar a nosa calidade de vida.