"Rosalía", a gran protagonista de abril na Mariña

Y. G. VIVEIRO/LA VOZ

A MARIÑA

De esquerda a dereita, Manuel Andrés Vallín (Concepto Circo), Pablo Lage (Van Kraft) e Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo
De esquerda a dereita, Manuel Andrés Vallín (Concepto Circo), Pablo Lage (Van Kraft) e Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo CEDIDA

Continúa a realización de murais pola comarca esta semana e en Lourenzá haberá unha representación teatral o día 22

13 abr 2021 . Actualizado a las 15:04 h.

Rosalía é moita Rosalía. Iso é ben sabido. Por iso a comarca da Mariña segue a homenaxear á nosa autora universal, do ámbito estelar literario, cunha serie de accións que xa se puxeron en marcha coa realización de murais na rúa Rodríguez Murias en Ribadeo e no Ceip Juan Rey de Lourenzá, e que continúa hoxe nun lateral do pabellón de Alfoz, este venres 16 no muro do polideportivo ao carón da Praza de Rosalía de Castro, en Campo da Cabana, en Foz, o sábado 17 en Barreiros no parque de skate xunto ao teleclube de San Cosme e o luns 19 na entrada da Biblioteca Pública Municipal de Viveiro. Os grafiteiros e muralistas Manuel Andrés Pallín (Concepto Circo) e Van Kraft son os encargados de dárlles forma.

"Son propostas que invitan a achegarse á figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual"

Por outro lado, para o día 22, véspera do Día do Libro, está prevista unha representación teatral en Lourenzá. Trátase de "A viaxe de Rosalía" dirixida por Larraitz Urruzola, un espectáculo de monicreques unipersoal. Cabe lembrar que outra obra, "Rosalía", de Fina Calleja, xa se representou en O Vicedo, Cervo e Foz.

Este completo programa duns vinte murais e quince escenificacións está deseñado por Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo. "Son propostas que invitan a achegarse á figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, con linguaxes e argumentos que conectan coa mocidade e que permiten poñer en valor todas as dimensións da figura de Rosalía, autora cabeceira da nosa literatura, pero tamén referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultura" dixo Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación. "O ano pasado concentramos a programación no mes de febreiro, coincidindo co aniversario do seu nacemento pero, dada a situación sanitaria, nesta edición optamos por flexibilizar o calendario e facilitar que estas actuacións e intervencións artísticas poideran realizarse ao longo do ano. A iniciativa tivo moi boa acollida polo que, ao finalizar a programación, teremos chegado a unha vintena de concellos de todas as comarcas", finalizou.