Renata Otero: «O beneficio da arteterapia é dar saída ás emocións cando non saen palabras»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia VIVEIRO/LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Hai pouco a artista e arteterapeuta viveirense deu un obradoiro con mulleres interesadas en medrar interiormente

02 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A mediados de xullo, a artista viveirense Renata Otero mudaba os pinceis por mans directamente. Sen ningún tipo de mediación material, para introducir aos alumnos do seu obradoiro de arteterapia con barro celebrado no Complexo de RegalXunqueira nun mundo de sensacións, aperturas, descubrimentos, sorpresas, inquedanzas... Todo pode saír do noso interior ao exterior cando temos un trozo de arxila diante de nós. Ela, como arteterapeuta que é, actúa a modo de guía dunha exploración personal en aras dun mellor desenrolo e coñecemento de nós mesmos. Foi unha experiencia de fin de semana pero que espera acade a súa regularidade, sen ser flor dun día.

—Deu algún destes obradoiros ao inicio desta pandemia?

—Cando estivo todo pechado, non fixen nada. Pero dende que teño Risas e Cores fixen algún evento de risoterapia, logo chegou pecharnos, logo a xente quedou con medo e a pasada primavera puiden facer un en Santiago. E á xente, a verdade é que quedou encantada! Gustoulles o poder compartir emocións. Eu coido moito o ambiente humano, que sexa confidencial, sen ningún tipo de xuízo... Primeiro explícolles cómo, sobre todo as mulleres, nos falamos mal con moita naturalidade, fágolles ser conscientes diso, de cando se din ‘son burra, inútil, parva’, cousas dese estilo. A través dun exercizo, fágolles darse de conta de que iso é maltrato se llo fago a alguén; pero se mo fago a min mesma é peor, porque teño o verdugo interior todo o tempo. A partir de aí crean cos ollos tapados. É moi bonito porque conectan coa nena que foron. Non vamos facer unha obra de arte. Nin unha peza de cerámica acabada. Nin sequera vamos cocer. Simplemente, como cando collías plastilina de nena, o barro permítenos xogar sen que teña que quedar bonito nin ben. Aí non son profe de arte. O importante é que cando esteas modelando sexas consciente do que sentes. Ten moito que ver no que estás facendo, a sensación física, e no que sentes. Despois, hai un momento de alonxarse da peza e observar pezas doutras compañeiras, apuntando o primeiro que nos vén á cabeza. Cando te reúnes coa túa peza e ves o que apuntaron, sorpréndeste porque viron cousas que ti non viras e tocan teclas que estaban aí. Hai unha posta en común e leo un texto, que é como un ‘decreto’, moi inspirador, que di ‘a partir de hoxe ‘quero tratarme ben, respetarme...’ e con música, cancións cantadas por mulleres que me parecen valiosas, elas transforman o que fixeron ao principio hacia a súa meta para estar mellor. Na seguinte fase, doulles ferramentas de coaching, axúdolles a converter as debilidades en fortalezas e fágolles unha escultura que logo levan para a casa. Con ela recordan todo o traballo feito. Un traballo que teñen que continuar na casa...

—Esa forma de axudar a explorarse, incluso as propias feridas, a través da arte, é moi solidario. Como unha chave para abrir o noso armario das emocións...

—É bonito velo así. Meu pai é ceramista... Nunca quixen ser ceramista. Atopábame máis cómoda coa pintura e coa escultura. Sen embargo, cando me formei como arteterapeuta hai anos, a fin de semana que tocaba traballar co barro dábame unha preguiza brutal. Sen embargo, gustoume máis que o debuxo, que a pintura, máis que o collage e que outras disciplinas... Modelar lévate en segundos a cando eras neno. Tan rápido, que é moi fácil que despois podan aflorar emocións. Un dos beneficios da arteterapia é dárlle saída ás emocións. A veces, as palabras non saen... ou non damos permiso a sacalas.

—A pandemia, ¿cre que é unha oportunidade de autocrecemento personal para non desaproveitar?

—No meu caso penso que si. Na casa creamos moito, eu fixen metros cadrados de mosaicos [ri] e doume de conta de que moitas persoas abriron a mente, evolucionaron, pero outras seguen enfadadas. Realmente é unha parada en seco, para centranos. Non todo o mundo está no mesmo punto... ou necesidade. Cada un está onde está, pero si que vin a xente cunha apertura a ser máis consciente das cousas, das prioridades. A repensar a vida.