Dor da alma

Estíbaliz Veiga OPINIÓN

A MARIÑA

17 ene 2022 . Actualizado a las 13:07 h.

Ninguén de nós nace sabido, ninguén cun manual de instrucións da vida. Estamos e seguimos de cheo na pandemia por coroavirus pero é agora cando comezamos a ver as gravísimas consecuencias da chamada «pandemia silenciosa», outra, que vén dada, en gran parte, por estes tempos duros e convulsos. En moitos casos non diagnosticados, xa a vemos vir de moi atrás. As causas? As infancias carentes dos piares fundamentais, de abusos e acosos, da discriminación por sexo ou posición social... e tantas outras «torturas silenciadas».

Debido a tráxicos desenlances, a influencias e influencers que se «atreven» a confesar as súas historias no IG e máis, nos últimos días vimos oíndo falar moito das «enfermidades mentais», tamén mal chamadas «dos nervios ou da cabeza». Eu medrei nun entorno no cal padecer unha delas era case coma cometer un delito, a xente falaba delas en voz baixa e acompañándoo da onomatopea «shhhhh», (silencio). Fun nena nunha aldea nos 90, na cal ter unha depresión, ansiedade, dependencia ou trastorno psicolóxico (entre outras), era vergoña. Desde hai máis de dez son eu a que padece ansiedade. Fago deporte, terapia EMDR, non cometo exceso na alimentación, coido a miña mente uníndoa a un corpo sá e aínda así, son víctima dela.

Tardei moito e poder falalo abertamente, xa que sabía a ciencia certa que podería resultar incómodo e estigmático no meu traballo e na miña labor como coidadora, no seu momento, dos meus avós dependentes, enfermos de Párkinson asociado a unha depresión crónica e Alzhéimer combinado con ansiedade. Ter ansiedade era ser considerada unha «histérica» sen capacidade de autocontrol nunha sociedade na cal a muller debe ser sumisa e obedecer sen rechistar aos que «gobernan» a súa vida. Na miña, por circunstancias, houbo moit@s que se atreveron a opinar e incluso a xulgar, aínda a día de hoxe.

Elixín unha fermosísima profesión, totalmente mutilada pola incertidume económica e o medo a non poder seguir «en pé» durante este período de covid. Antes del tamén, todo hai que dicilo. A nosa realidade (a do meu gremio) é que vivimos expostos, sendo criticados, buscando a aprobación constantemente. Problemas de autoestima e inseguridade dados polo derrubamento das oportunidades laborais e a profunda tristeza do desamparo provocaron que subise vertixinosamente, neste último tempo, o índice de problemas de saúde mental. Iso, sumado ao mundo impostor das redes sociais ao que nos temos que sumar na procura da visibilidade cara conseguir mellores no noso traballo, somos «carne de canón» para patoloxías psíquicas.

Eu levaba aos avós ás citas do neurólogo do Hospital de Burela (ao cal lle gardo un inmenso cariño, Agustín). Debido a isto, fun aprendendo destas «dores da alma», normalmente arrastradas por desavenencias e shocks da «supervivencia». Tratei de comprender a expresión «teño falta de vida», as miradas perdidas, os laios infinitos no cuarto do lado, as bágoas incesantes durante as noites de inverno na difícil convivencia. Con 25 anos fun consciente do compoñente xenético e hereditario das doenzas mentais, e por tanto, tomei moi en serio o riscos destas.

«Lesións emocionais»

Para min non están ben conceptuadas. Eu denomínoas «lesións emocionais». Así lles chamo porque fago un símil con, por exemplo, unha fractura dunha peza do esqueleto ou dun músculo por mal «uso» ou exceso del.

Fago moito deporte e nun momento dado, despois de correr nove medias maratóns, rompín un pé. Rotura do quinto «meta» por estrés. Despois de pasar por Urxencias, a mesma tarde xa tiña unha bota ortopédica, tratamento para a dor e a seguinte cita pechada no calendario. Se eu sentise que me rompe o corazón a morte e ausencia do meu avó, tería de inmediato calmantes e tratamento para a miña alma? Non. Non o tiven, tiven que pagar rigorosamente unha terapeuta para superar a perda máis grande da miña vida. A soidade crónica. A «falta de vida» que anos atrás trataba de traducir da boca dos meus velliños, agora era miña .

Parece que chega o momento de normalizar estas «lesións» debidas ao pasar do tempo nas nosas vivas. Creo que un psicólogo/ psicóloga é tan necesario coma un hematólogo (por poñer un exemplo ao azar), na vida médica de cada individuo. Non se pode construír unha sociedade sá sostida en «cabezas doentes». Se cada día dez persoas deciden deixar este mundo porque non o soportan máis, será que algo falla, que debemos asumir que o estamos facendo mal. É unha responsabilidade como seres humanos facer un mundo con máis humanidade. A clave, segundo a miña humilde opinión, está en vivir SEN ODIOS. Aprender que a ira é unha lícita emoción humana, si, pero hai que saber xestionala e se non somos quen, buscar axuda en especialistas para así traballalo e poder respectarnos uns aos outros como se debería. Nunha palabra, EMPATÍA.

Isto non é unha confesión porque non o sería tampoco dicir que rompin un pé. Un obxectivo? Poder falar destas «problemáticas», como cando se fala no bar da dieta baixa en sal que lle puxo a un o médico. Isto é un acto de responsabilidade e honestidade, recoñecéndome nese 80 por cento da sociedade que padece ansiedade debido ao estrés, aos traumas, etc... Teño mal durmir, pesadelos, pinchazos no peito... un abano de síntomas «de libro». Grazas a ir cumprindo anos, á perseverancia no traballo terapéutico e a que parece que cada vez se normaliza máis a naturalidade desta «compañeira indesexable de fatigas», hoxe cóntoo por se lle puidera servir a alguén. Amén para que todos aqueles que se toman á brincadeira a saúde mental dos demais, para que pechen a boquiña e fagan autocrítica, que como todo o mundo ben sabe, en todas as casas, cocemos fabas.

*Estíbaliz Veiga é actriz e presentadora natural de Barreiros. O pasado xoves, día 13 de decembro, celebrábase precisamente o Día Mundial da Depresión.