Por fin puidemos volver «á casa de todos os galegos e galegas»!!

Herminia Penas Oroza

A MARIÑA

Cedida

28 jun 2022 . Actualizado a las 09:50 h.

En marzo de 2019, un día antes da tan esperada viaxe á capital de Galicia, suspendeuse a actividade lectiva en todos os centros educativos durante dúas semanas... A frase xa non necesita continuación nin remate.

Desde esa data transcorreron dous anos; Coincidiu outro xoves, esta vez o primeiro do mes de xuño, e aló fomos malia non estarmos seguros de se saberiamos movernos coma antes da pandemia.

E tanto que soubemos! Demoramos un pouco de máis no Parlamento de Galicia porque había demasiado que ver e bastante que preguntar. Ademais, era preciso resarcirse deses dous anos de secaño.

Cómpre lembrar que as nosas visitas a esta institución veñen de vello (curso 2010-11). O seu propósito é que o alumnado coñeza in situ a organización política das sociedades; isto é, o funcionamento do sistema parlamentario a nivel local, provincial, autonómico e finalmente, estatal.

Unha vez “mercamos” a idea de que o noso alumnado xa trae aprendido do ensino Primario o funcionamento da administración local, en 3º ESO visitamos a Deputación Provincial; en 4º ESO, ascendemos de nivel e organismo, visitando agora o Parlamento autonómico; e xa no bacharelato, viaxamos ata Madrid para coñecer as Cortes Xerais.

A pregunta que enseguida xurdiu entre o alumnado, xa o primeiro ano que puxemos en funcionamento toda a cadea, foi a seguinte: "E quen haberá por alí da nosa comarca?”, “Poderémolos saudar?” O punto de inflexión produciuse cando un dos seus profesores cambiou na metade do curso o noso centro polo Parlamento. Daquela, case o único interese do alumnado consistía en saber como poderían saudalo para preguntarlle por que os abandonara.

A partir dese momento convertemos en habitual o encontro cos nosos representantes. Así, os políticos mariñáns sempre nos dedican un saúdo e unha conversa, sexa en Galicia ou en Madrid (que aí aínda lles fai máis ilusión).

Este curso retomamos a nosa andaina e agardamos que alí onde cheguemos sempre haxa un mariñán e/ou mariñá a quen saudar e con quen falar... (e facer a foto para a lembranza, por suposto!).