Coñecendo novos dispositivos de saúde mental en Italia

María José Novoa

A MARIÑA

09 ago 2022 . Actualizado a las 15:22 h.

Desde o ano 1998, case á par do nacemento da nosa entidade Saúde Mental A Mariña (1999), o IES Monte Castelo vén participando en proxectos internacionais que, na actualidade, se engloban no programa Erasmus Plus. Amplas e diversas son as temáticas de índole social, emocional, cultural que veñen traballando nestes máis de 20 anos nos que, incluso, se barallou a posibilidade de participar nunha destas experiencias para a internacionalización da aprendizaxe que agora, entre o 24 e o 31 de xullo se fixo realidade coa miña viaxe a Potenza, Italia.

«Segunda oportunidade» é o Proxecto Erasmus Plus para persoas adultas deseñado polo IES Monte Castelo, que por primeira vez desenvolve este programa con alumnado de Bacharelato de Adultos, o que vén a completar a súa oferta de programas internacionais en todos os niveis educativos. A saúde física e mental, a economía circular e o coidado do medioambiente, a inclusión e a integración son os seus piares, cuestións tamén prioritaritarias no día a día da nosa entidade, Saúde Mental A Mariña, e que nesta mobilidade puidemos abordar desde múltiples perspectivas: o IES Monte Castelo fixo coincidir a «Segunda oportunidade» coa aprendizaxe por observación do seu Erasmus Plus de Educación Superior. A directora do Instituto Monte Castelo, Carmen Castelao, e a orientadora, Victoria Pérez, participaron nun job shadowing en hospitais, residencias para a terceira idade, centros residenciais para persoas con patoloxías mentais, un centro deportivo e dúas ONG nas que o alumnado de Formación Profesional do centro burelés fai cada curso as súas prácticas no marco dos programas Erasmus. Evidentemente, esta era pois, unha oportunidade única para min, María José Nóvoa, Xerente e directora técnica xeral de Saúde Mental A Mariña, para coñecer de primeira man como se traballa noutro país, de que recursos se dispón, como os xestionan, que novas terapias están a desenvolver e cales son os seus resultados.

En Universo Salute Don Uva puiden ver como é o día a día nun macro centro residencial para persoas con enfermidades mentais, onde os pacientes están separados por sexos, son habitacións de seis e a comida é de servizo cátering, que moito dista do trato individualizado que damos nos nosos seis centros espallados pola nosa comarca.

Pola contra, nas Casas di Riposso Il Abbraccio e Il Sorriso a acollida da xerencia e dos usuarios foi tan cálida e emotiva como enriquecedora, en ambos dispositivos a atención é dunha vintena de pacientes, as habitacións son dobres e polo tanto a atención individualizada.

A profesionalidade, rigor e atención da directora sanitaria do Hospital Rexional San Carlo de Potenza foron clave para preguntar como tratan ás mulleres vítimas de violencia de xénero con patoloxía mentais, intercambiar experiencias e abrir camiño a colaboracións futuras.

Agora ben, o fluxo de sinerxias máis novidoso e impactante recibímolo no obradoiro de «Dramaturgia Mentale» no que tiven o pracer de participar, o que me resultou moi interesante ó poder compartir as inquedanzas e impresións do noso grupo de teatro A Mariña.

Tamén tiven o honor de estar na presentación do traballo da ONG Legambiente que loita pola integración social e a economía circular e a visita á cooperativa Bioflores. Desta última, traemos xa en marcha un proxecto sobre terapia mental con abellas que, máis pronto que tarde, se fará realidade para os usuarios de Saúde Mental A Mariña.

Oito días cheos de aprendizaxes, de inspiración e novos proxectos, de fluxo de sinerxias e de novos compromisos que tamén proxectan o noso traballo cara a Europa, que o conectan e fan moito máis significativo coa nosa contorna máis inmediata, que enchen de folgos ós nosos usuarios e que nos ofrecen mil posibilidades de seguir mellorando. Non só somos a primeira institución galega das nosas características que participa nun proxecto Erasmus Plus, co ímpetu de seguir camiñando hacia a mellora contínua e a integración real na comunidade, senón que somos a primeira que continuará traballando nesta liña grazas ás oportunidades que nos brinda a comunidade do IES Monte Castelo no seu compromiso de formar, ante todo, cidadáns críticos e responsables, con vidas enriquecidas e mentes abertas, tal e como reza ese eslogan Erasmus Plus, que agora tamén é o noso.

Para rematar, somentes me queda dar as grazas ó IES Monte Castelo, e moi especialmente á súa Directora, Carmen Castelao por invitarnos e integrarnos de dez, así como ós compañeiros de aventura, Marcelino Luna, coordinador do Proxecto Erasmus Plus, Victoria Pérez, orientadora, e os alumnos Juan Manuel Pernas, Manuel Paz, Ángela López e Lola Ramil.