Llega el Festival de Cine Curto de Ribadeo Ollo de Boi: «O máis atractivo do festival é que o público é o que vai votar»

y. garcía RIBADEO / AGENCIA

A MARIÑA

Carme Rodríguez, directora artística
Carme Rodríguez, directora artística CEDIDA

Carme Rodríguez, en colaboración con As Vacas Fracas, impulsa esta nova cita que pretende dar a coñecer o traballo de xetne da Mariña, Lugo e Occidente astur

10 ago 2022 . Actualizado a las 15:02 h.

Nos últimos tempos, o talento audiovisual da Mariña experimentou un pulo importante, tanto dende o punto de vista da creación e da dirección como da localización escénica na comarca, en recunchos aos que a cámara tamén adora, así como a actores da contorna. O sector recibe cos brazos abertos ao Festival de Cine Curto de Ribadeo Ollo de Boi. Todo un escaparate dunha arte que moitas veces non chega de forma doada ao público que tamén lle dá sentido, salvo que sexa en plataformas así. «Gustaríanos que fora un proxecto con continuidade e que a xente responda», sinala Carme Rodríguez, directora artística do festival, que o impulsa en colaboración coa asociación As Vacas Fracas e con patrocinio do Concello. «Este é un proxecto no que estamos poñendo moito cariño», di. A semifinal será este mércores 10, no Cine de Ribadeo, e a final, o 13 no Cine Teatro. Ambas convocatorias, ás 20.00.

—Por que nace este festival?

—É un festival de curtametraxes que nace co propósito de promocionar os proxectos audiovisuais de xente da Mariña. Todas as curtas seleccionadas (8) que van estar na semifinal, van estar relacionadas, dun xeito ou doutro, con creadores da Mariña e, por extensión, con xente da provincia de Lugo e do Occidente de Asturias. Están feitas por xente de alí, ou que se rodaron alí, ou cun membro do equipo destas zonas. Necesitamos que vaia xente ao festival porque o máis atractivo é que é o público o que vai votar, como se fai noutros festivais. É dicir, vai haber un único premio (económico) e será o do público, que se vai a dar na final, que será o sábado 13.

—Aínda habendo tanta creatividade mariñá, non é doado ter a opción de ver e de gozar deste tipo de traballos aquí.

—Xurdiu porque hai pouco tiven un proxecto no que fixen a banda sonora, e por motivos dun festival estivo dispoñible en Internet, para que o vira a xente durante unha temporada. Aproveitei para envialo e compartilo, dentro do meu entorno. Pero non é común, nin que a xente cercana a ti teña a posiblidade de ver as curtas nas que traballas, a menos que vaian aos festivais nos que se proxectan, algúns en grandes cidades e outros en pobos perdidos polo medio do mundo... Non é fácil achegar ese traballo, sobre todo tamén o dos equipos. Cando eu compartin a curta na que traballei e a viron, fliparon. Dixéronme que ‘parecía cine’. Daste de conta de que o público non ten a oportunidade de ver que, efectivamente, son cine. Non é que o parezan. As curtas son cine!

Rodaje de  Devoradora de nenos
Rodaje de Devoradora de nenos KINOGRAFÍAS

As oito curtas a proxectar

Son A loba de Iria Silvosa, Devoradora de nenos de Fran X. Rodríguez, Mentres iso pasa de Nacho Ozores, Exhalación de Al Díaz, Insidia de Paco Ruíz, Quiero contarte algo de J. K. Álvarez, Una historia azul de Mónica Lilac e Quitameriendas de Sergio Stendhal.