«Ningún rival nos pasou por enriba, pero temos que aprender»

iván díaz rolle BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

15 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non está sendo nada fácil a adaptación do Pescados Rubén-Burela á mellor liga do mundo. O equipo mariñán só sumou un punto nas cinco primeiras xornadas e é o pechacancelas da Primeira División. «Queda moita liga. O ano pasado empatamos os dous primeiros partidos e despois ascendimos», lembra Juanma Marrube. O adestrador alfocense non perde a calma nin a confianza nos seus.

-¿Está preocupado?

-Non. Non estou preocupado. É unha liga moi longa e moi igualada, na que se está vendo que todos os equipos quitan puntos a todos. Estaría preocupado se vise que os rivais nos pasan por encima, pero non é unha cuestión de xogo. Trátase de que temos que adquirir fortaleza mental ante as adversidades. Para un equipo recén ascendido, adaptarse a Primeira sempre é complicado e nós somos o terceiro ou cuarto presuposto máis baixo. Queda moita liga. O ano pasado empatamos os dous primeiros partidos e despois ascendimos.

-Agora van xogar ás canchas de ElPozo e en apenas tres semanas á do Barça. Se non sacan puntos na casa ante Peñíscola e Zaragoza, a visita a O Parrulo, que xa ten sete puntos, pode convertirse en case unha final.

-Non comparto esa visión tan a vida ou morte. Se nós pensamos iso, que deben pensar no Aspil Vidal, que é un equipo afeito a loitar por estar entre os oito mellores e só leva dous puntos? A realidade da liga é esta, hai moitísima igualdade, e por iso custa tanto conseguir puntos.

-Seis goles en cinco partidos son moi poucos, non cre?

-Palma tamén leva seis, Industrias oito. E sumaron bastantes máis puntos. Córdoba gañou un partido 0-1, nós cun só gol case gañamos a Levante. Trátase de saber vivir na adversidade. A falta de gol é un problema da liga, non do Burela. Non debemos buscar fantasmas.

-E como se pode corrixir?

-Nós non podemos fichar xogadores con moitísima pegada porque non temos eses cartos. Temos que chegar ao gol como equipo, desde o grupo, con traballo en conxunto.

-Coa lesión de Iago Míguez, este plantel necesita fichaxes?

-Somos un plantel amplo, e menos mal porque con Pitero aínda non puidemos contar, Jacobo xogou un partido, Iago Míguez tres... Creo que temos xogadores con moito talento, pero que non xogaran en Primeira e teñen que adaptarse. Outros xa estiveran en Primeira, pero tiñan outro rol e agora deben tirar do carro. Tamén se teñen que adapatar.

-Como están os ánimos dos futbolistas?

-O equipo está ben, pero necesita dar un paso adiante, encontrar a fortaleza mental ante as dificultades. Ningún rival nos pasou por encima, pero temos que aprender a afrontar as adversidades de Primeira. Se os partidos durasen 30 minutos teríamos moitos máis puntos, e iso demostra que estamos competindo, que hai moitas cousas boas, pero cústanos responder cando recibimos un golpe.

-Afirmo: o plantel do Burela non é o peor de Primeira.

-Creo que temos un bo plantel, cunha boa estrutura de xogo porque o bloque xa leva uns aniños xunto. Temos un potencial grande. Do noveno ao 16 da liga podemos competir en igualdade de condicións contra todos. Pero a tódolos equipos cando suben de Segunda lles custa, a adaptación leva un tempo. O ano pasado o Valdepeñas na xornada oito levaba un punto; salvouse e este ano leva oito en só cinco.

-Pensa que o seu posto periga?

-Nin por un segundo. Vexo aos xogadores dispostos e concienciados para sacar adiante isto. Tamén hai que entender cal é a realidade do club, que en 30 anos de fútbol sala en Burela estivemos seis en Primeira, e cando subíu o Cefire volveu baixar no primeiro curso. Ter un club así na Mariña é un luxo, pero non hai que esquecer onde está a nosa realidade.

-Vostede estaba no plantel do primeiro Pescados Rubén que xogou en Primeira. Aquel equipo tardou 15 xornadas en gañar. Ve similitudes?

-Penso que aquel equipo era inferior en canto a potencial. Agora subimos dunha forma sólida, pero entón ascenderase tras ser sétimos e nun curso con cambio de adestrador incluido. A categoría colleunos moi verdes. Sen embargo, desde a chegada de Matamoros e Isi enderezouse o rumbo e aguantamos cinco anos en Primeira. Tamén creo que o nivel daquela liga non era o de hoxe, pero os comezos sempre son duros.