«Saborea a túa provincia» visitou Burela divulgando máis manxares lucenses

La Voz BURELA / LA VOZ

BURELA

O pasado domingo, a iniciativa da Deputación de Lugo chegou á localidade co bonito como produto estrela da xornada gastronómica

03 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O bonito tiña que ser, e foi, o protagonista estrela da segunda xornada gastronómica enmarcada dentro de «Saborea a túa provincia» da Deputación Provincial de Lugo, que se celebrou o pasado domingo en Burela, onde o bonito curado combinouse con crocante de curry e vinagreta, unha elaboración exquisita que foi posible grazas ás mans e ao talento culinario de Bruno Pena, chef do restaurante Oca Praia de Foz. Antes desta demostración, que estivo a cargo da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, alumnos da Escola Municipal de instrumentos de corda deron a benvida musical a anfitrións e público no evento, celebrado na Praza do Concello, onde aparcou o autobús-cociña procedente de Viveiro. No apartado sonoro, tamén o conxunto Dambara foi o encargado de seguir amenizando a parte matinal da xornada gastronómica.

O día completouse co taller para nenos e nenas, con outra charla informativa a cargo de Verónica Marcos Lanzo, de Fademur, e Verónica Diéguez, da Queixería Mazaricos, co sorteo de lotes de produtos de proximidade da provincia lucense, con outra actuación musical, a cargo de Atlántica, e finalmente cunha degustación de produtos. O día deixou moi bo sabor de boca.