A revolta do ano da gripe en Foz

d. g.s. corral FOZ / LA VOZ

FOZ

Mañá, presentación do libreo que recolle o levantamento das mulleres focegas no 1918 coincidindo cunha brutal epidemia de gripe

21 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación cultural A Pomba do Arco, de Foz, organiza mañá xoves -22 de marzo- ás 20.30 horas na Libraría Bahía da vila a presentación do volume A rebeldía galega contra a inxustiza, nun acto no que participarán o coordinador do volume Xosé Ramón Ermida Meilán, Xoán Costa, presidente de Sermos Galiza, e Xoán Ramón Fernández Pacios, presidente da asociación local A Pomba do Arco.

O volume que presentarán mañá recolle un extenso traballo de Xosé Ramón Ermida Meilán sobre a revolta acontecida en Foz en 1918, un levantamento social dirixido e protagonizado polas mulleres focegas nun contexto marcado pola brutal epidemia de gripe, que rematou coa morte de máis de 122 veciños da localidade e cunha vaga de fame como consecuencia da alza dos prezos dos produtos de primeira necesidade.

O traballo de Ermida achega información sobre algunhas das razóns que favoreceron a extensión da epidemia de gripe, considerada como a derradeira peste da historia da humanidade, que afectou de xeito moi particular a Foz, Vilaronte, Fazouro e Cangas.

Ao tempo, este traballado estudo destaca as protestas das mulleres focegas contra a carestía da vida, que rematou coas protestas diante das vivendas dos grandes propietarios da vila e o asalto aos almacéns de grao existentes no concello de Foz.

A asociación cultural A Pomba do Arco, entidade comprometida coa recuperación da memoria histórica focega, convida á presentación desta publicación que pretende ser unha homenaxe a todas as vítimas daquela epidemia de gripe e a toda a veciñanza de Foz, particularmente ás mulleres, que levaron adiante aquela loita modélica contra a fame.

Naquela epidemia de gripe morreran máis de 122 veciños de Foz, que serán lembrados