Plorans por Pacheco


Se hai algunha melodía que identifique a Semana Santa mindoniense esa é o Plorans, por ser facilmente recoñecible a súa beleza contrapuntística e por estar dotada esta obra dun misterio de exclusividade relacionado coas últimas vontades do seu autor, José Pacheco.

Dise que, por desexo expreso do compositor, unicamente pode ser interpretado na Semana Santa de Mondoñedo e na Capela Real de Madrid.

A letra do coñecido Motete da Soidade está en latín: Plorans ploravit in nocte, / et lacrimae eius in maxillis eius: / non est qui consoletur eam / ex onmibus caris ejus: / omnes amici ejus spreverunt eam / e facti sunt ei inimici. Que, no noso idioma, podería ser algo así como: Chora amarga na noite e as bágoas corren polas súas meixelas, non hai quen a console. Os seus amigos falláronlle e volvéronse inimigos.

José Basanta Fernández Pacheco asinou máis de 300 composicións entre as que atopamos un Miserere escrito en 1805, dous Stabat Mater, dous Te Deum, varios salmos e motetes. É autor dunhas 150 panxoliñas, das cales 29 teñen texto en galego. Unha delas fíxose moi popular nos últimos anos por estar incluida no disco “A irmandade das estrelas”, do vigués Carlos Núñez; trátase da festiva “Panxoliña para o nadal de 1829”.

Pacheco foi discípulo de Santavalla, o seu predecesor no cargo de mestre de capela da SICB da Asunción de Mondoñedo e alumno de Melchor López en Compostela de quen seguro que herdou o interese polas panxoliñas e o gusto pola música popular galega.

Pacheco e Pascual Veiga

Outro gran músico mindoniense, Pascual Veiga, iniciouse na solfa e na práctica instrumental, en concreto no órgano, da man de José Pacheco.

Unha tarde, despois de saír da catedral Pacheco dirixíase á súa casa e escoitou a uns pícaros cantar mentres xogaban preto do Seminario. De entre tódalas voces tiples que se oían, había unha que destacaba. Era a do neno Pascual Manuel Francisco Veiga Iglesias. José dirixiuse a el e preguntoulle se lle gustaría formar parte do coro da capela musical da catedral. O pícaro Veiga respondeu afirmativamente, pero sempre coa condición de que o seu pai o aceptara.

O profesor, mestre de capela e organista José Basanta Fernández Pacheco naceu en Mondoñedo o 15 de decembro de 1784 e vivíu ata o 23 de marzo de 1865. A súa biografía está recollida nun estudo de Indalecio Varela Lezano publicado pola Imprenta da Deputación Provincial de Lugo en 1897.

Co tenor Fabián Pardo

O pasado venres, un ano máis, tivemos a sorte de escoitar o Plorans de Pacheco na procesión da Soidade, o coro mindoniense que leva o nome do seu autor interpretouno acompañado por un grupo instrumental da Escola de Música “O Pallarego” e actuou como solista o tenor Fabián Pardo, unha voz privilexiada nun home que ten gusto para a interpretación e seguridade na execución.

Independentemente da maior ou menor implicación coas crenzas relixiosas, a semana de paixón ten para os mindonienses un sabor especial, a mexillóns, claro!

Ado. Fran Bouso, profesor e escritor de Mondoñedo.

Votación
2 votos
Tags

Plorans por Pacheco